[Pleno] O BNG esixe a paralización das obras de Galeras
Trasladou tamén as reivindicacións da ANPA do Monte dos Postes para arranxar o colexio, da CIG para recadar apoios á ILP para a creación de emprego e do persoal da cafetaría da estación de autobuses
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2014.- O grupo municipal do BNG requiriu no Pleno, mediante unha moción, a paralización das obras de Galeras mentres non se esclarezan as dúbidas sobre a súa oportunidade e a legalidade do procedemento seguido na súa tramitación, de acordo coas reivindicacións maioritarias da veciñanza. Ao comezo do Pleno interveu un dos representantes veciñais.
O cambio de uso da parcela non foi sometido a información pública e a veciñanza directamente afectada observa indicios de ilegalidade na tramitación do expediente, que tamén corrobora a Fiscalía que aceptou a trámite a súa denuncia, expuxo Rubén Cela na súa intervención.
O grupo municipal do BNG defendeu tamén unha moción destinada a recadar o apoio do Concello de Santiago á Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola CIG para que a Xunta adopte medidas destinadas á creación de emprego en Galiza. Ao inicio da sesión plenaria, Anxo Noceda, responsábel comarcal da CIG, interveu no Pleno e expuxo propostas alternativas ás políticas do PP para defender os intereses da clase traballadora.
Outra das mocións pretende trasladar a reivindicación social relativa á derrogación das leis contra as mulleres no marco do 8 de marzo, Día Internacional polos Dereitos das Mulleres. A concelleira Elvira Cienfuegos animou a participar, ademais, na manifestación convocada pola Marcha mundial de mulleres que sae o 9 de marzo ás 12:00 da estación de tren de Santiago de Compostela e que este ano terá como eixo central a petición da retirada do anteproxecto de lei do aborto.
Tamén o BNG levou a Pleno a reivindicación da ANPA do colexio Monte dos Postes, que se manifestou ás portas do pazo de Raxoi, para que o Concello demande da Xunta unha reforma integral que mellore as condicións deste centro educativo.
Sobre o peche da cafetaría e restaurante da estación de autobuses, Elvira Cienfuegos presentou un rogo para demandar a convocatoria urxente dunha reunión do Consello de Administración de Tussa para tratar de resolver o problema xurdido e dar inicio, se proceder, a un novo procedemento para a contratación deste servizo, co obxectivo de que as persoas traballadoras e usuarias non sufran as consecuencias do peche.
Ademais, outra das mocións do BNG foi encamiñada a instar á retirada da instrución do PP para que as formacións políticas poidan usar os centros socioculturais, co obxectivo de que se garanta o seu dereito de reunión mesmo fóra do período electoral.
O BNG defendeu tamén que se manteña a atención sanitaria pública gratuíta das persoas que permanezan máis de 90 días fóra do Estado e instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno español a derrogación desta medida contida no Real Decreto-Lei 16/2012.