[Pleno] Rubén Cela: Este Goberno local do PP é o peor da historia democrática deste Concello
O sumario da Pokemon amosa un grupo do PP en absoluta descomposición, roto e sen coordinación e así é imposíbel gobernar a capital de Galiza
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, afirmou no Pleno ao abeiro da proposición do BNG sobre a corrupción, que con moita diferenza, este é o peor goberno da historia democrática deste Concello; o PP é a organización política que máis dano lle ten producido ao nome e á imaxe de Compostela na súa historia democrática.
Así, realizou un relatorio dos acontecementos que, durante estes tres últimos anos levaron a Santiago a unha situación límite: o desfalco fiscal de Conde Roa, a operación Pokemon e operación Manga, o caso Carril, o caso das facturas falsas, o caso da defensa de Adrián Varela e, como colofón, a operación Patos.
Dimisión dos cargos imputados
Trátase dun Goberno local deslexitimado, desprestixiado e incapaz, asegurou, e por iso Rubén Cela emprazou o alcalde a que se desculpase coa cidadanía, que votase a favor desta proposición do BNG para ofrecerlle unha explicación á veciñanza de Santiago nunha sesión plenaria extraordinaria e urxente e que dimitisen todos os cargos imputados nas diversas operacións xudiciais. Lembroulle tamén a necesidade de convocar o Debate do Estado do Concello, de acordo co que estabelece o regulamento municipal.
Rubén Cela apelou, ademais, á diferenza expresada polo fiscal superior de Xustiza entre as responsabilidades legais e as responsabilidades políticas. Dende o BNG, levamos máis dun ano insistindo nesa separación de planos da que tan acertadamente fala o fiscal superior de Galiza: do xudicial e do político, afirmou, e por iso deben dimitir os cargos imputados, para asumiren a responsabilidade política derivada das investigacións xudiciais.
Explicacións dos casos investigados
O BNG pediu tamén explicacións sobre a relación que mantivo o PP coa empresa Aquagest dende a chegada ao Goberno de Santiago e cal era o fondo real da renovación por 14 anos que estaban a preparar Ángel Espadas e Gerardo Conde Roa e que presuntamente os levou a relegar a anterior interventora e secretario municipal.
Inquiriu, ademais, sobre o que pasou realmente co negociado que gañou Sermasa para a gardería de Salgueiriños e co persoal da mesma. Mente vostede ou menten a concelleira de Educación e o seu xefe de gabinete? Porque o que é evidente, é que dicindo o contrario, non poden todos estar dicindo a verdade, indicou.
Apelou tamén que estaría ben que, dunha vez, digan a verdade do que tiñan previsto facer na Finca do Espiño, non vale en público asegurar que todo estaba perfecto e que no BNG eramos uns alarmistas e en privado cualificalo de chanchulladas de Conde Roa, ou afirmar que se se materializaba a operación do Espiño ao día seguinte estarían no Xulgado e o perderían.
Ademais, o portavoz do BNG pediu aclaracións das acusacións de tráfico de influencias que aparecen neste sumario da Pokemon, do concurso da ORA, dos desbroces forestais ou das actuacións investigadas no marco da Operación Patos.
Así é imposíbel gobernar a capital de Galiza
Lembrou que o sumario da Pokemon amosa un grupo municipal do Partido Popular en absoluta descomposición, roto, enfrontado entre si, sen interlocución nin coordinación, cunha desconfianza absoluta entre os concelleiros, que están envoltos nunha espiral de sálvese quen poida máis preocupados polas noticias dos xulgados que dos problemas reais e cotiás da veciñanza de Santiago. E así, é imposíbel gobernar a capital de Galiza, concluíu.