O BNG require no Pleno que se garanta a atención sanitaria a quen permaneza máis de 90 días fóra
Cuestiona que o Goberno do PP eliminase o dereito á atención sanitaria universal ás persoas que marchan ao estranxeiro
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2014.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno que se manteña a atención sanitaria pública gratuíta das persoas que permanezan máis de 90 días fóra do Estado e instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno español a derrogación desta medida contida no Real Decreto-Lei 16/2012.
Segundo recolle o texto da moción, o Goberno do PP no Estado está a acometer unha vaga de recortes en dereitos e conquistas sociais sen precedentes. Entre elas, por medio do Real Decreto-Lei 16/2012, eliminou o dereito á atención sanitaria universal, ficando reservado só para quen teña a residencia no Estado español e con iso negándollo a todas as persoas que se trasladan ao estranxeiro, que neste momento son moitas por motivos laborais debido tamén ás nefastas políticas económicas do PP que están a devastar os nosos sectores produtivos e a aniquilar a capacidade de xerar emprego en Galiza.
A política do PP no Estado e na Xunta obriga a mozos e mozas, que padeceron xa o ano pasado máis do 50% de desemprego, a saír do Estado español para atopar traballo; e preto de 93.000 fogares teñen todos os seus membros sen emprego. Agora un novo recorte de dereitos afecta especialmente a Galiza, aos miles de galegos e galegas que se ven obrigados a emigrar: ás persoas desempregadas, especialmente mozos e mozas, que se verán desposuídas do dereito a asistencia sanitaria por obra dos gobernos do PP.
Para o BNG, trátase dunha decisión adoptada polo Goberno do PP no Estado, de xeito unilateral e sen contar co Goberno da Xunta de Galiza, quen semella aceptar calquera medida imposta desde Madrid sen importarlle o carácter lesivo para os dereitos de galegos e galegas.
Deste xeito, o BNG instará tamén á Xunta de Galiza a que, mentres non se proceda a derrogar este Real Decreto-lei, asuma e garanta a atención sanitaria dos galegos e das galegas que saian fóra do Estado español por un período superior aos 90 días, coa conservación da tarxeta sanitaria en vigor.