O BNG lamenta que na adxudicación dos comedores escolares volva primar a oferta económica
Un ano despois atopámonos co mesmo modelo, mesma empresa, da que había moitas queixas, e un prezo máis caro. Non se pode facer peor
Santiago de Compostela, 03 de agosto de 2016.- O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego en Raxoi lamenta que na adxudicación dos comedores escolares volva primar a oferta económica sobre a calidade do servizo. Para esta viaxe non facía falta todo este percorrido. Non cambiou o modelo de xestión, prometido polo goberno de Compostela Aberta, nin se introduciron os cambios propostos polos pais e nais, indicou a concelleira nacionalista Goretti Sanmartín.
A xestión dos comedores escolares o curso pasado foi absolutamente lamentábel. Despois de facer tal e como denunciou o BNG en reiteradas ocasións, mal os pregos de contratación, o goberno de Compostela Aberta decidiu adxudicar a dedo o contrato a Serunión a mesma que viña prestando o servizo e da que existían múltiples queixas de pais e nais. Non se introduciron nos actuais pregos os cambios propostos polas ANPAS que consistían, entre outros, en demandar produtos locais, de tempada e con cociñas próximas aos centros escolares. Neste proceso quebrouse a confianza cos pais e coas nais, indicou Goretti Sanmartín.
Volve haber un canon a pesar das críticas do concurso anterior. É dicir, o goberno de Compostela Aberta trata o servizo de comedores escolares do mesmo xeito que calquera outro contrato sendo este un servizo básico e tan sensíbel. Un ano despois atopámonos co mesmo modelo, mesma empresa e un prezo máis caro. Non se pode facer peor, dixo.
O BNG sempre defendeu que o Goberno municipal tiña que iniciar conversas coa Xunta de Galiza para que esta asuma a xestión directa dos comedores porque son unha competencia propia do Goberno galego e non é municipal. A opción é asumir unha xestión directa dos comedores escolares, sen a súa externalización e privatización deste servizo, concluíu.