O BNG lembra que os centros educativos públicos requiren un mantemento continuado
A supervisión constante de arranxos dos CEIP, como reivindicaron o BNG e a comunidade educativa, contribúe a manter a seguridade e a economizar os gastos de conservación
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2014.- A concelleira Elvira Cienfuegos lembrou que o BNG trasladou ao Pleno diversas iniciativas nestes últimos tres anos para a realización das actuacións de reparación e de mantemento de competencia municipal nos centros educativos de Santiago mais o PP acordouse no último verán de mandato e tivo que agardar tamén até entón para que a Xunta se implicase na realización de obras que son de competencia da Consellaría .
Así, explicou que os centros públicos de infantil e de primaria requiren obras de reforma, ampliación e mellora que lle corresponden a Consellaría e que o Concello debe demandar dela, posto que moitas destas necesidades quedan aínda pendentes de solución despois desta intervención. Ademais, correspóndelle ao Concello realizar un mantemento continuado e actuacións anuais, a realizar no período estival, que non se fixeron nos anos de Goberno do PP, e neste último, mesmo moitas se concentraron en agosto, afirmou en relación coa visita do alcalde aos CEIP de Vite, Lamas de Abade e á escola infantil de Conxo.
Para evitar que se agraven os problemas, é necesaria unha atención continuada das instalacións que ademais contribuirá a manter a seguridade e a economizar os gastos de conservación, engadiu. O BNG advertiu de xeito constante, atendendo os requirimentos da comunidade educativa ao Goberno local, das goteiras nos corredores, nos pavillóns ou nas aulas; canlóns atascados; baixantes que se desprenden; pintura deteriorada, persianas estragadas; aseos ou cisternas que funcionan mal; cerraduras que non pechan ou valos perimetrais que resultaban insuficientes.
Maiores medidas de seguridade
Neste sentido, afirmou que queda aínda pendente adoptar melloras na seguridade para acceder ao transporte escolar; en concreto no CEIP de Roxos, tal como require a comunidade educativa do centro, porque os nenos e as nenas teñen que acceder ao bus escolar desde a propia calzada, co perigo que entraña diariamente. Ademais dunha solución definitiva en forma de rotonda, hai a posibilidade dunha solución provisional facendo uso dunha parcela pública lindeira ao centro, que tampouco se abordou até o momento.
O desleixo do Goberno local durante estes tres anos manifestouse con goteiras continuadas nun inverno especialmente chuvioso e mesmo con desprendementos nos teitos de escolas infantís que permaneceron durante moito tempo sen arranxar, indicou, o que demostra o desinterese do PP por manter instalacións ben acondicionadas para ofrecer unha educación pública de calidade.