O BNG leva ao Pleno a reivindicación da lei do aborto na moción do 8 de marzo
Elvira Cienfuegos anima a participar na manifestación convocada pola Marcha mundial de mulleres que sae o 9 de marzo ás 12:00 da estación de tren
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2014.- A concelleira Elvira Cienfuegos presentou en rolda de prensa a moción do BNG sobre o 8 de marzo, que este ano centra a súa reivindicación na nova formulación da lei do aborto. O BNG quere recadar o apoio da Corporación para demandar da Xunta de Galiza a derrogación da lei de apoio á muller embarazada e da lei de apoio á familia e á convivencia e, ademais, demandar do Goberno do Estado a retirada do anteproxecto de lei orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada.
Para alén doutras preocupacións como desigualdades laborais e salariais, redución de recursos para a dependencia e para a infancia, este ano, pola súa transcendencia, importancia e urxencia destaca sobre as demais demandas, a nova formulación que da lei 3/2010, de interrupción voluntaria do embarazo, fai o PP desde o Goberno do Estado, indicou.
O BNG intentou repetidamente o pronunciamento do Pleno a prol do mantemento da lei, pero non só non conseguimos que se debatera a proposta senón que os anuncios previos do Ministerio foron avanzando até conformar un anteproxecto de lei que o que realmente fai é penalizar as mulleres que pretendan exercer o dereito á interrupción voluntaria do embarazo, explicou Elvira Cienfuegos.
Mentres se restrinxen os requisitos da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos, se instaura o repago de comedores escolares, se limita o horario das escolas infantís públicas, se amortizan prazas de matrona ou non se substitúen as de pediatría, desenvólvense programas de apoio ás mulleres xestantes; a maioría xestionados por ordes relixiosas ou grupos contrarios ao aborto, engadiu a concelleira. Así, as leis, os plans e accións que xurdiron delas eran un adianto do que se plasmaría posteriormente nese anteproxecto de lei orgánica para a protección do concibido e dos dereitos da muller embarazada.
Manifestación do 9 de marzo
A concelleira aproveitou tamén para chamar á participación na manifestación convocada pola Marcha mundial de mulleres prevista para o día 9 de marzo, unha acción máis que apoia o BNG, para o rexeitamento deste anteproxecto da lei do aborto inserida na campaña que desenvolve con carácter nacional.