Cela: Co que se sabe da Pokemon é inexplicábel que no PP non asuman responsabilidades e dimitan"
O alcalde é culpábel de sumir o Concello de Santiago nunha auténtica parálise e nunha degradación sen precedentes
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, a preguntas de xornalistas sobre a Pokemon cuestionou a unidade do grupo de Goberno local e manifestou que non é un problema de que haxa mellor ou peor relación entre os diferentes grupos que conforman o grupo popular do PP de Santiago de Compostela, senón as repercusións prácticas no funcionamento do día a día desta institución.
Non é certa esa unión da que presume o alcalde Angel Currás, cando hai un concelleiro do seu grupo que di en sede xudicial que este concello está dirixido por descerebrados, cando a portavoz do grupo de Goberno naquel momento afirmou que se Ángel Currás sucedía a Conde Roa era un suicidio para o PP, que o alcalde cualifique de calumnias as declaracións que unha concelleira do seu grupo fai diante da xuíza e segue no seu posto ou que o alcalde chame mentireiro ao seu xefe de gabinete, indicou.
O levantamento do segredo de sumario da operación Pokemon deixa á luz as cloacas deste pazo de Raxoi, unha auténtica cova de Alí Babá que converteu o PP a este Concello, sinalou, e tamén a situación do grupo do PP, cun goberno roto, fracturado, desprestixiado, sen confianza, sen coordinación e incapaz de xestionar o día a día dun concello coma este. Que vai dicir Currás, que aquí non pasa nada, que están todos moi felices comendo perdices e que el está moi tranquilo, mais a veciñanza de Compostela non está tranquila, engadiu.
Matar o mensaxeiro
Sobre as acusacións realizadas polo alcalde sobre a prensa, Rubén Cela lembrou as diversas afirmacións sobre conspiracións contra o Goberno do PP e os descualificativos contra determinados medios de comunicación. Matar o mensaxeiro foi a opción máis doada, pero o problema é que a mensaxe segue aí e dende a entrada do PP no Goberno neste Concello non foi unha sucesión de malas prácticas puntuais, senón unha práctica continuada de corruptelas graves e gravosas para esta cidade sen que ninguén asuma a responsabilidade política que lle corresponde, afirmou, porque determinadas persoas se aferran ao seu sillón como auténticas lapas ante o escándalo e o bochorno dos seus veciños e veciñas.
Para o portavoz nacionalista, o alcalde, antes de clases de ética xornalística, debera dar clases de exemplo de ética política, primeiro coa petición de desculpas á veciñanza, coa convocatoria dun pleno extraordinario para explicar o que aconteceu e logo coa dimisión e co cese de todos os edís imputados na Pokemon e nas demais causas xudiciais abertas por malas prácticas ou por casos de presunta corrupción especialmente escandalosos e puxo como exemplo a dimisión do concelleiro do PP de Nigrán imputado na operación Patos.
Declaracións do fiscal superior
Aludiu tamén Rubén Cela ás declaracións do fiscal superior de Xustiza de Galiza, porque certamente hai que distinguir entre a inocencia penal e a inocencia política e non se vai prexulgar a inocencia ou culpa no ámbito xudicial de ningún concelleiro ou concelleira do grupo de Goberno de Santiago de Compostela, mais pódese afirmar que son culpábeis politicamente do maior escándalo institucional da historia da cidade e de ter sumido ao concello nunha auténtica parálise e nunha degradación sen precedentes da súa imaxe, da percepción e da credibilidade.
Hai unha diferenza substancial entre o legal e o correcto en termos éticos e políticos, indicou, e polo tanto será a xustiza ordinaria quen determine se houbo ilegalidades ou non pero con todo o que se sabe hoxe é inexplicábel que no PP non se asuman as responsabilidades políticas pertinentes e procedan á súa dimisión.