O BNG defenderá no Pleno a paralización das obras de Galeras
O cambio de uso desta parcela non foi sometido a información pública e a veciñanza directamente afectada observa indicios de ilegalidade na tramitación do expediente, que tamén corrobora a Fiscalía ao aceptar a trámite a súa denuncia
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2014.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha moción para que o Concello de Santiago acorde a paralización das obras de Galeras mentres non se esclarezan as dúbidas sobre a súa oportunidade e a legalidade do procedemento seguido na súa tramitación, de acordo coas reivindicacións maioritarias da veciñanza.
A Xunta de Goberno Local adoptou acordo relativo á aprobación de convenio cun particular para a execución de actuación e mellora de seguridade viaria e o tráfico rodado nas rúas de Galeras e Domingos García-Sabell. Cando a concelleira de Urbanismo anunciou o comezo inminente das obras, procedeuse de inmediato ao valado de parte da zona afectada, sen que se acompañase da pertinente información sobre as mesmas aínda que, na actualidade, está xa incorporada aínda que incompleta.
O proxecto ten por obxecto, por unha parte, a realización das obras de urbanización para a execución da rotonda na rúa Galeras na súa conexión con García-Sabell e dun vieiro de acceso ao aparcadoiro situado na planta soto-1 que se atopa baixo os edificios residenciais. Ocúpase parcialmente para este fin a parcela do parque de Galeras, non integrada no viario no PXOM, que linda con estes edificios.
O cambio de uso desta parcela non foi sometido a información pública e a veciñanza directamente afectada observa indicios de ilegalidade na tramitación do expediente, que tamén corrobora a Fiscalía que aceptou a trámite a súa denuncia.
Por este motivo, o grupo municipal do BNG, que manifestou dúbidas sobre o procedemento de tramitación e o interese xeral das obras previstas, solicitará no vindeiro Pleno da Corporación a adopción dun acordo para a paralización das obras de Galeras mentres non se esclareza a legalidade e oportunidade das mesmas.