O Concello perdeu unha subvención de 175.000 euros pola mala execución da obra da Casa de Brandía
A decisión política de seguir para adiante coa obra, a pesar da advertencia do persoal técnico, tomouse sen informe xurídico e técnico que a avalase
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou que por mor da pésima xestión do PP, o Concello de Santiago perdeu 175.000 de subvención da Deputación da Coruña para o centro sociocultural de Vidán que agora pagará a veciñanza de Santiago a través dun recoñecemento extraxudicial de crédito.
Ademais de perder a subvención, pagarase unha obra que non vale para usar, pois ese andar está pechado ao público pola mala execución do proxecto, indicou.
Rubén Cela lembrou que o mes pasado, ante as sospeitas de que se puideran ter cometido serias irregularidades por parte do Concello de Santiago na obra de remodelación do centro sociocultural de Brandía, tanto na súa tramitación formal como na execución formal, o grupo municipal do BNG solicitou ter acceso ao expediente completo e realizou unha batería de preguntas para a súa resposta por escrito. Deste xeito, cumpríronse os peores agoiros ao respecto, a pesar de que a concelleira responsábel eludiu responder algunhas das principais cuestións presentadas, engadiu.
O proxecto de rehabilitación do segundo andar da Casa de Brandía foi adxudicado en agosto de 2013, cun prazo de execución de tres meses, e cun orzamento de 175.844 euros que ían ser sufragados pola Deputación da Coruña. Iniciadas as obras e despois de comprobar que existían vigas e pontóns non reforzados e en mal estado, determinouse por parte do persoal técnico que o proxecto non era válido porque era preciso acometer un reforzo do forxado que non estaba previsto, explicou Rubén Cela.
Nese mesmo intre, o Concello debería resolver o contrato, porén o Goberno municipal fixo todo o contrario a pesar da advertencia do técnico tanto á concellaría de Urbanismo como á de Centros Socioculturais, indicou. Esta decisión política de seguir para adiante coa obra, a pesar da advertencia dos técnicos, tómase sen informe xurídico e técnico que a avalase, advertiu o portavoz nacionalista.
Perante esta situación, o interventor municipal negouse a recepcionar a obra realizada e con data 20 de decembro a dirección da obra comunicou a finalización da mesma e no certificado recóllese textualmente:
Tal e como se recolleu na documentación de seguimento da obra (actas de xestión), non poderá poñerse en funcionamento para os usos e actividades previstos en tanto non se proceda ao reforzo estrutural do forxado de planta primeira. Provisionalmente, só poderá permitirse o acceso restrinxido a planta superior cunha ocupación inferior a dez persoas.