O BNG organiza unha charla informativa sobre o negocio das eléctricas coa factura da luz

O BNG organiza unha charla informativa sobre o negocio das eléctricas coa factura da luz

O acto será o mércores ás 20:00 no centro sociocultural das Fontiñas

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego organiza unha charla informativa sobre “O negocio das eléctricas coa factura da luz” para explicar a necesidade dunha tarifa propia en Galiza. O acto, aberto ao público, será este mércores 12 de febreiro ás 20:00 horas no centro sociocultural das Fontiñas e intervirán a concelleira Elvira Cienfuegos e o economista e membro da Executiva Nacional, Adrián Dios.

Para o BNG, o suposto déficit tarifario non é máis que unha xustificación do Goberno do Estado para incrementarlles, ano tras ano, o prezo da enerxía ás persoas usuarias, que soportan a factura máis cara de Europa en beneficio só das grandes compañías eléctricas españolas.

Na charla explicarase tamén que Galiza é excedentaria na produción de electricidade e padece os custos sociais e ambientais coa explotación dos nosos recursos naturais, sen obter ningún beneficio desta condición. Por este motivo, o BNG demanda unha tarifa eléctrica propia, cunha redución do prezo da electricidade, tanto para beneficiar os fogares como as empresas e industrias do país, para poderen manter a súa actividade ante os elevados custes enerxéticos.

Con este acto, o BNG de Santiago tamén quere reprobar o escurantismo dos recibos da luz, as subas constantes e desproporcionadas do prezo da enerxía, o espolio dos recursos naturais de Galiza e a tributación en Madrid por parte das empresas que se aproveitan dos nosos recursos.

O BNG organiza unha charla informativa sobre o negocio das eléctricas coa factura da luz