Vence replícalle a Feijóo que a cidadanía demanda máis que desculpas ante as prácticas corruptas
Pediu o cese do concelleiro de Deportes do PP de Santiago, Adrián Varela, por perseguir traballadores por razóns ideolóxicas e solidarizouse co persoal municipal.
Todos os cargos políticos imputados deben dimitir por dignidade das institucións e por respecto aos galegos e galegas.
Santiago de Compostela, 7 de febreiro 2014.- O portavoz nacional, Xavier Vence, replicou ao presidente da Xunta que a cidadanía merece máis que as súas desculpas rituais para xustificar as prácticas corruptas que desvela a trama Pokemon que implican a alcaldes e cargos públicos do PP e PSOE.
Con toda a información difundida non é o momento de pedir só desculpas etéreas, como fixo Feijóo, senón que é necesario que os que están claramente implicados en procesos corruptos dimitan, para devolver a dignidade ás institucións e por respecto á cidadanía. É o momento de facelo dada a podremia do PP en Santiago e A Coruña e do PSOE en Lugo, argumentou Vence.
Neste sentido, Vence instou a Feijóo a que, como presidente do PP en Galiza, esixa a dimisión se os cargos políticos do seu partido que aparecen imputados non asumen as responsabilidades, e considera inaceptable seguir agochando a cabeza ou parapetarse detrás do obvio principio da presunción de inocencia, xa que a asunción de responsabilidades políticas nada ten que ver co que se deriva da vía xudicial.
Tinta de lura
O portavoz nacional tamén chamou a atención sobre o empeño do PP de sementar tinta de lura nun intento de estender a idea de que todos son iguais. O BNG ten unha actitude moi clara: hai que depurar responsabilidades de todos os implicados, por suposto en Santiago, A Coruña, en Lugo, pero tamén tamén no Carballiño, Boqueixón e en todos os concellos onde existen evidencias de delito.
Non imos calar fronte a esta situación que é insoportable para a cidadanía, imos seguir coa mesma actitude de esixir responsabilidades políticas a todos os implicados, concluíu.