Se a veciñanza non está de acordo co plan de Galeras, está menos xustificado o seu interese xeral
Para o BNG, esta actuación presenta dúbidas na súa tramitación e na súa execución, á parte de contar coa oposición veciñal ao proxecto
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, con respecto ao proxecto de Galeras, manifestou que é evidente que non houbo un diálogo previo coa veciñanza, pois a maioría soubo desa actuación cando viu valada esa zona e ese non é o xeito de proceder.
Aínda que resulta evidente que non se poden facer as cousas a gusto de todos e que non todo o mundo ten que estar de acordo para que un Goberno faga unha actuación, hai que ter sensibilidade para contrastar os proxectos e falalo coa veciñanza, e aquí esa vontade non estivo presente, indicou.
O importante é que a solución que se lle vai dar dende unha perspectiva de mobilidade e que vaia parella a unha actuación de peonalización ou de redución do tráfico rodado nas rúas próximas e iso non ten nada que ver co contraste deste proxecto coa veciñanza, explicou Rubén Cela.
Se a veciñanza non está de acordo con este proxecto, cada vez está un pouco menos xustificado o interese xeral desa actuación. Quero lembrar que esa actuación é posíbel facela se está xustificado o interese xeral para o conxunto da veciñanza e para os intereses colectivos de Santiago como cidade, sinalou, ademais de ser unha actuación que presenta dúbidas na súa tramitación e na súa execución, á parte de contar coa oposición veciñal ao proxecto.
Preguntado pola mobilización convocada pola veciñanza de Galeras, afirmou que a presión social é unha das ferramentas útiles e fundamentais para conseguir transformar os proxectos, ademais de ser lexítimo que a veciñanza se manifeste contra unha obra que non consideran correcta. Así, citou exemplos recentes como coa Finca do Espiño, onde a mobilización social e a reivindicación política neste Concello conseguiron paralizar un auténtico pelotazo urbanístico, coa feira de Amio onde había unha folla de ruta perfectamente trazada e foron, precisamente, esa mobilización social e a oposición política quen permitiron paralas.