O BNG pregunta por que o Concello non percibiu o canon de 350.000 euros do guindastre e da ORA
Demanda tamén o resultado da auditoría que contemplaba o prego de condicións, se é que o Goberno local llo solicitou á empresa
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2014.- O grupo municipal do BNG require explicacións sobre o funcionamento do servizo de ORA e de guindastre en Santiago de Compostela, posto que en 2013 non ingresou o canon variábel ás arcas municipais, cando as estimacións previas á adxudicación a Setex Aparki eran de 348.359 euros anuais.
Segundo explicou Rubén Cela, portavoz nacionalista en Raxoi, o BNG leva meses coa formulación de preguntas para conseguir datos e a semana pasada tivo acceso ao conxunto do expediente de licitación e de concesión do actual servizo da ORA, porque os orixinais están no xulgado de Lugo ao ser un dos temas de investigación no marco da operación Pokemon.
Dende o BNG, considérase que as sancións de tráfico e de regulación de aparcadoiros nunca se poden enfocar dende unha perspectiva recadatoria, iso é evidente; a súa función ten que ser disuasoria e de mellorar a mobilidade na cidade para garantir o dereito de persoas condutoras e peóns que cumpren coas normas estabelecidas. Este tipo de actuacións nunca se poden enfocar como unha fonte de ingresos para unha administración pública, neste caso para o Concello, pero moitísimo menos como unha fonte de enriquecemento desproporcionado dunha empresa privada que conxunturalmente sexa concesionaria dese servizo a costa dos veciños e das veciñas.
Brutal desaxuste entre as previsións e os ingresos reais
Así, o BNG detectou un desaxuste brutal entre as previsións que manexaba o Concello e os datos de períodos anteriores a respecto da realidade e sen que mediase ningunha explicación.
A empresa concesionaria do servizo de ORA e de guindastre ten que ingresar dous conceptos ao Concello, un canon fixo e outro variábel, indicou Rubén Cela, e a diferenza de recadación que determina o canon variábel calcúlase en base á diferenza entre ingresos e gastos da prestación de servizos. A empresa adxudicataria comprometérase contractualmente a entregar no Concello o 80% dese canon variábel, que non se transferiu no último exercicio e que foi de 30.929 euros en 2012.
Segundo datos do propio Goberno municipal, no período de 2007 ao 2011 a empresa concesionaria achegaba preto de 200.000 euros anuais de ingresos recoñecidos e liquidados polo servizo de ORA e de guindastre. En 2012 só ingresa 30.929 euros e en 2013 non ingresou nada, a pesar de que o informe económico antes da licitación determinaba que, cos cálculos máis reducidos, fornecería sobre 191.381 euros durante o primeiro ano que se incrementarían en arredor de 5.000 euros máis na proxección dos cinco seguintes exercicios, até chegar a 209.581 euros en cinco anos. Na oferta económica da empresa adxudicataria gañadora, o Concello calcula que vai ingresar sobre 348.000 euros anuais, posto que ofertou o 80% para as arcas municipais.
Sen resultado da auditoría
Ademais, na cláusula 37 do prego da concesión dise que o adxudicatario está obrigado a auditar as súas contas anualmente a cargo da empresa auditora que designe o Concello e sendo o custe por conta do adxudicatario. O BNG quere saber se se chegou a facer esa auditoría e se non se fixo cales foron os motivos e cando se prevé encargar, incidiu o portavoz nacionalista.
Deste xeito, o BNG reclama transparencia porque é o mínimo que se lle debe aos veciños e ás veciñas de Santiago, porque teñen dereito a saber cada vez que deixan un euro para sacar o ticket da ORA ou que ten que pagar por sacar o seu coche do depósito da grúa. Imos esixir transparencia porque as contas non dan e por que hai unha diferenza tan brutal entre as previsións do Concello e o resultado práctico destes dous últimos exercicios, dende que se modificaron os termos da concesión.