O BNG pregúntalle ao alcalde pola participación do Concello en Santiagolandia, cando exclúe o galego
Rafael Vilar pídelle ao Goberno local do PP unha valoración dos datos do IGE relativos á drástica diminución do uso da lingua galega na infancia
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2014.- O concelleiro do BNG Rafael Vilar dirixiulle unha pregunta ao alcalde para saber como se concreta a participación do Concello de Santiago en Santiagolandia, tendo en conta que se trata dunha feira que exclúe o galego na súa promoción cando a institución municipal ten o deber de utilizalo nas actividades nas que participa.
O BNG pídelle tamén ao alcalde unha valoración do Goberno municipal dos datos do Instituto Galego de Estatística relativos á drástica diminución do uso da lingua galega na infancia e se considera que así contribúe á promoción da lingua galega nas actividades infantís e xuvenís.
Segundo se expón na iniciativa do BNG, a concelleira de Economía presentou publicamente a terceira edición de Santiagolandia, un parque de atraccións de Nadal que exclúe a lingua galega na súa promoción, cando a administración local ten o deber de utilizar este idioma na difusión das actividades nas que participa e, máis aínda, tendo en conta a previsión de obter máis de 10.000 visitantes nestas actividades infantís e xuvenís e ante a alerta de redución de falantes de galego nestas franxas de idade exposta nos últimos datos do Instituto Galego de Estatística.