O BNG rexistra unha iniciativa no Parlamento para frear o "pelotazo urbanístico de Xoán XXIII
A presión social e política conseguiu deter os intentos de pelotazos urbanísticos de Conde Roa na Finca do Espiño, de Currás na rotonda de Galeras e agora imos frear este do novo alcalde Agustín Hernández en Xoán XXIII
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014.- A deputada Ana Pontón e o portavoz municipal Rubén Cela presentaron unha iniciativa que o BNG rexistrou no Parlamento para instar á Xunta a destinar a parcela de Xoán XXIII a construír vivenda protexida segundo o proxecto inicial de 40 vivendas ofertadas en réxime de alugueiro a menores de 35 anos, co obxectivo de frear o intento de pelotazo urbanístico anunciado polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, mediante unha permuta para construír vivenda libre neste emprazamento.
Esta é unha parcela pública cun proxecto de vivenda de protección pública para persoas novas e ese debe ser o único destino que debe ter, afirmou Rubén Cela en declaracións aos medios ao pé do soar de Xoán XXIII, o PP quere convertela nunha parcela libre para vivendas de luxo e imos opornos para que non se consume un auténtico pelotazo en Santiago de Compostela. Agardamos que a presión política e social consigan frealo, como se fixo co intento de pelotazo urbanístico de Conde Roa na Finca do Espiño, de Currás coa rotonda de Galeras e estou convencido de que o imos conseguir ante este novo intento de pelotazo do novo alcalde Agustín Hernández en Xoán XXIII.
Así, desbotou as escusas do PP de que esta parcela non vale para vivenda de protección mais si para vivenda libre e de que non hai recursos da administración para executar o proxecto inicial. O BNG vai esixir do Concello de Santiago e da Xunta de Galiza que se manteña o proxecto orixinal ao que estaba destinado o soar.
Así, Ana Pontón explicou que é un auténtico escándalo que durante os últimos cinco anos a Xunta paralizou a vivenda social, con Agustín Hernández como responsábel desta área e coa actual concelleira de Urbanismo como directora do IGVS, e que agora sexan unha das partes do pelotazo urbanístico que queren dar no concello de Santiago de Compostela.
O BNG considera que a xente nova, que ten dificultade para o acceso á vivenda e emanciparse, debe ter ese dereito á vivenda e os poderes públicos teñen que actuar nesa dirección. Ao PP o único que lle interesa é que os construtores sigan mantendo a súa cota de mercado e os seus beneficios e dende o BNG defendemos é que a xente ten dereito á vivenda e a administración debe velar por iso, afirmou a deputada.
O PP non ten entre as súas prioridades facer vivenda pública e puxo como exemplo que esta mesma semana perdeu unha oportunidade de destinar máis de 1 millón de euros para esta actuación, cunha emenda que defendeu o BNG no debate dos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2015. Seguiremos a defender que esta parcela sexa destinada a garantir o dereito á vivenda das persoas mozas e non para que un especulador faga beneficio a costa do solo da administración pública, subliñou.
Ana Pontón lembrou ademais que dende a chegada do PP á Xunta recortou nun 80% os fondos destinados á vivenda e iso non é unha política neutra nun momento de crise, cando a xente ou ben non pode acceder á vivenda ou ten que pagar unhas hipotecas desorbitadas.