O BNG requírelle ao alcalde que investigue os diversos casos de maltrato animal en Santiago
Elvira Cienfuegos alude á necesidade de esterilizar os gatos de rúa en colaboración co Refuxio de Animais e con asociacións como Abeiro
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde para saber que actuacións ten previsto emprender o Concello de Santiago para investigar e sancionar de ser o caso- as persoas que ocasionaron o maltrato a diversos gatos que nas últimas semanas apareceron con lesións que lles causaron a morte na nosa cidade.
O BNG quere saber, ademais, se o Concello ten previsto realizar algunha campaña, en colaboración coas asociacións de protección animal, destinada a sensibilizar a cidadanía para evitar que se volvan producir casos coma estes.
Elvira Cienfuegos alude tamén á necesidade de esterilizar os gatos de rúa para evitar a súa procreación, para o que o Concello podía levar a iniciativa a través do Refuxio ou colaborar coas asociacións que xa veñen realizando este labor, como Abeiro.
A formación nacionalista rexistrou esta iniciativa diante dos diversos casos de maltrato animal que transcenderon nos últimos días no noso concello, nomeadamente un gato queimado aparecido en Poza de Bar e gatos que morreron con lenta agonía tras inxerir alimento mesturado con veleno e cristais na rúa de Ourense, que foron atendidos pola asociación de protección animal Abeiro.
Hai que ter en conta que na ordenanza municipal figura a tipificación como infracción grave o maltrato de animais causándolles dor e como moi grave as que causen a morte e na Lei de Protección Animal atribúeselles aos concellos a responsabilidade da protección do benestar animal no seu ámbito municipal.