O BNG presentou unha iniciativa para acordar un trazado alternativo á liña de alta tensión en Coira
As protestas veciñais están dando resultado
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG presentou en rolda de prensa unha iniciativa que levará ao vindeiro Pleno para instar ao ADIF a elaborar alternativas de trazado das liñas de transporte de enerxía eléctrica para a vía ferroviaria que non discorran por zonas habitadas, logo da información e negociación coa veciñanza e os concellos afectados.
Rubén Cela indicou que aínda que as protestas da veciñanza están dando resultados como a paralización da obra e a promesa da busca de trazados alternativos queremos un posicionamento, por escrito, claro e contundente deste goberno municipal .
Malia o enorme impacto desta obra, os veciños e veciñas tiveron coñecemento deste proxecto o mesmo día do comezo das mesmas, sen que con anterioridade nin o ente encargado do proxecto nin os concellos respectivos lles trasladaran o seu contido, o impacto previsto, nin tampouco as alternativas que se estudaron. A única información pública previa foi proporcionada dentro do macro-proxecto de electrificación do Eixo Atlántico ferroviario, o que impediu que as persoas directamente afectadas tivesen unha información completa e comprensíbel sobre as actuacións concretas que se ían levar a termo na aldea de Coira, sen que tampouco conste por outra banda- que as administracións locais afectadas realizasen un labor de información adicional e directa cos afectados e afectadas.
A deputada Rosana Pérez xa rexistrou no Congreso unha batería de preguntas respecto deste tema, sinalou o portavoz nacionalista.
Desenvolvemento da asemblea aberta
A preguntas dos xornalistas acerca da asemblea aberta Construíndo futuro celebrada na tarde do xoves, á que asistiron máis de 200 persoas das cales a maioría non eran militantes, Rubén Cela destacou a satisfación polo proceso iniciado no Bloque Nacionalista Galego e a boa acollida por parte da veciñanza. A xente valorou que unha formación política lles dea a oportunidade non só de falar e ser escoitada, senón de camiñar xuntos, dixo.
Este proceso vai ter continuidade e gustaríanos contar con toda esta xente pra crear unha alternativa de goberno, concluíu.