Rubén Cela lamenta a falta de interese e de solidariedade do goberno coa familia desafiuzada
A actuación dos antidisturbios foi desproporcionada
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2014.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, lamenta a falta de interese e de solidariedade do goberno municipal diante do desafiuzamento dunha familia compostelá.
María e a súa familia foron expulsados, vítimas da crise e dunha estafa, da casa que eles mesmos construíran na parroquia de Aríns. Unha sociedade que lexitime como algo xusto que unha familia de Santiago quede sen casa para darlla a un estafador e que as forzas e corpos de seguridade do Estado interveñan para garantir ese desaloxo indica que é unha sociedade enferma. É bo que a cidadanía se rebele diante das inxustizas, dixo Rubén Cela.
O BNG defendeu a modificación da Lei hipotecaria e a dación en pago no Congreso xa en marzo de 2011 e no Pleno do Concello de Santiago en novembro de 2011, en febreiro e novembro de 2012, e en abril deste mesmo ano levou unha moción para recadar o apoio da Corporación á Iniciativa Lexislativa Popular a prol de garantir en Galiza o dereito fundamental a unha vivenda digna. En concreto, demandábase a paralización dos desafiuzamentos, así como favorecer o alugueiro social, a creación dun parque galego para a xestión de vivendas baleiras e a posta en marcha dunha axencia pública de alugueiro, entre outras medidas.
Os desafiuzamentos son a cara dramática da crise; a perda da vivenda é un problema social que está moi latente e sobre o que non se dá solución dende as diferentes administracións, sinalou o portavoz nacionalista.
Por outra banda, Rubén Cela, cualificou de desproporcionada a actuación dos antidisturbios que cargaron contra as persoas concentradas en apoio a esta familia compostelá. A policía foinos empurrando cara a unha beira até que romperon a cadea humana que se formara para impedir o desafiuzamento, indicou.