O BNG denuncia a perda de subvencións da Deputación da Coruña por parte do Concello
Rubén Cela: Volvemos denunciar novos casos de incompetencia que fai que este Concello perda novos fondos públicos
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou en rolda de prensa que por mor da pésima xestión do PP o Concello de Santiago perdeu catro subvencións da Deputación da Coruña destinadas a cultura, deporte e promoción económica.
Lamentablemente temos que seguir denunciando novos casos de absoluta incompetencia que fai que este concello perda novos fondos públicos, indicou
O Concello de Santiago solicitara unha subvención para instrumentos, material informático e mobiliario para a Escola Municipal de Música e tamén material audiovisual e informático para as aulas de informática dos centros socioculturais; tiña concedidos 15.000 euros que se perderon por non ter aceptado a subvención en prazo. Ocorreu o mesmo con outra por valor de 14.976,02 na área de deportes para acondicionamento dun local destinado a ximnasio no polideportivo municipal das Fontiñas.
Ademais tamén deixamos de percibir fondos públicos para actividades na área de deportes e de investimento na de promoción económica por non ter solicitado estas subvencións ao ente provincial. Esixímoslle ao alcalde unha explicación porque perder fondos públicos é un luxo que unha cidade como Santiago non se pode permitir, dixo o portavoz nacionalista.
Rubén Cela lembrou que non é a primeira vez que temos que denunciar publicamente casos esperpénticos como no mes de febreiro pasado o ocorrido cunha subvención de 175.844 euros da Deputación da Coruña para as obras de remodelación do centro sociocultural de Brandía que a día de hoxe non se xustificou nin se cobrou ou máis recentemente o desfase tan preocupante respecto das previsións no contrato da ORA e do guindastre, engadiu.
Máis alá das diferenzas ideolóxicas evidentes, é que non son capaces de xestionar un concello con responsabilidade, concluíu.