O BNG demandará no Pleno a paralización do Real decreto 624/2014 que grava o préstamo de libros
Rafael Vilar: esta normativa representa un ataque ao dereito da cidadanía á lectura e ao acceso á cultura
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2014.- O grupo municipal do BNG de Santiago presentou unha moción para debater no Pleno deste mes na que pide o rexeitamento unánime da corporación ao chamado canon bibliotecario que pretende aplicar o Goberno do Estado e que fai recaer o pagamento sobre as administracións públicas, e nomeadamente sobre os concellos, titulares de boa parte das máis de 300 bibliotecas públicas existentes en Galiza.
A xuízo do concelleiro nacionalista Rafael Vilar, o establecemento deste canon vai supor un prexuízo importante para as bibliotecas públicas, posto que van ter moito máis difícil a adquisición de novos fondos. Isto, nun escenario económico como o dos últimos anos, en que as bibliotecas viron como baixaban os fondos destinados ao seu funcionamento. E esta baixa nos recursos económicos aínda se agravou coa suba do IVE cultural ao 21%, que xa deixou bastante tocado o sector do libro.
Para Vilar, é un prexuízo para as bibliotecas públicas, mais tamén o é para as administracións públicas das que dependen estas bibliotecas, e mais os arquivos e museos afectados polo canon. En moitos casos, son as administracións locais as titulares das bibliotecas e, polo tanto, van ser estas administracións as que teñan que desembolsar -dos seus orzamentos- o diñeiro destinado a satisfacer o canon bibliotecario. E desde logo o contexto económico das administracións locais non é para botar foguetes precisamente.
Así mesmo, o concelleiro nacionalista, argumenta que esta normativa representa tamén un ataque ao dereito da cidadanía á lectura e ao acceso á cultura, prexudicando, máis unha vez, a quen menos ten, pois ao deteriorarse este servizo público dificultarase o acceso á cultura das persoas con menos recursos.
A moción insta á Xunta a demandar do Estado a paralización do Real decreto que recolle a dita obriga, a trasladar o acordo aos grupos do Parlamento galego, a defender as bibliotecas municipais como espazos xeradores de cultura garantindo un orzamento axeitado para que as bibliotecas públicas galegas alcancen os estándares de calidade que recomendan a UNESCO e a IFLA (Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios).