O BNG congratúlase de que o Goberno local acepte súa proposta de sumarse ao PuntoGal
Perdido o primeiro vagón, non perdamos o tren
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2014.- O concelleiro do BNG, Rafael Vilar, propuxo no Pleno de onte que o Concello de Santiago se sumase á iniciativa do PuntoGal e utilizase este dominio para a web www.santiagodecompostela.gal e para as demais de ámbito municipal, como están a facer organismos, institucións e empresas para identificar o noso país en internet.
O BNG congratúlase de que Goberno local aceptase a súa proposta de sumarse ao PuntoGal. Segundo explicou Rafael Vilar, coa utilización deste dominio .gal preténdese promover a difusión e facer visíbel a nosa lingua e a nosa cultura, ademais de situar Galiza no mapa das comunicacións por internet con carácter universal. O Concello de Santiago non se atopa entre os 93 primeiros dominios mais perdido o primeiro vagón, non perdamos o tren, engadiu.
Aínda así, lamentou que o Goberno municipal, ademais, non se comprometese a estabelecer un plan local de promoción entre as diferentes entidades e asociacións locais co obxecto de que comecen a mudar as súas páxinas web cara ao .gal, incluíndo o preceptivo asesoramento para a migración de todos estes enderezos cara a este novo dominio que nos identifica como país.