Orzamentos antisociais que non dan resposta aos problemas e necesidades da veciñanza
A nova depuradora segue sen contar con previsións inmediatas
Santiago de Compostela, 01 de outubro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, realizou en rolda de prensa unha valoración do proxecto de Lei dos Orzamentos do Estado para 2015 e afirmou que se perpetúan os recortes de anos anteriores a pesar de, segundo o PP, estarmos nun escenario de recuperación económica.
Sinalou que o máis importante non é o sumatorio de infraestruturas porque nestes momentos de crise non son o máis urxente. A redución nas prestacións por desemprego, a misérrima suba das pensións, a conxelación salarial do funcionariado e das bolsas educativas, e o estancamento na partida para dependencia, entre outros aspectos, demostran que son uns Orzamentos profundamente antisociais, uns orzamentos destinados a consolidación fiscal e non a cubrir as necesidades da cidadanía, que agoiran a non recuperación de dereitos perdidos e a consumación dunhas cifras de paro e empobrecemento inaceptábeis.
O portavoz nacionalista indicou que os Orzamentos Xerais do Estado sempre se caracterizaron por ter unha importante carga propagandística, e non van ser menos este ano a uns meses das eleccións. Hai que ter en conta, antes de analizar o que se anuncia para o ano 2015, o escaso ou nulo grao de execución de determinadas partidas dirixidas a Santiago dos orzamentos pasados. Outras cuestións recóllense nominalmente cada ano, mais nunca chegan a seren executadas como o CESIC nas Brañas de Sar que outra vez conta con cero euros ou a partida testemuñal de 200 mil euros para a construción da nova estación do ferrocarril.
Aparece por primeira vez nos orzamentos a conexión co Gaiás e cremos que hai actuacións máis urxentes como a seguridade viaria na Sionlla e no Eixo, como veu denunciando o BNG nos últimos anos, e que non contan con partida orzamentaria, dixo Rubén Cela. Ademais tamén expresan a súa preocupación porque a nova depuradora segue sen contar con previsións inmediatas, pois a cantidade reflectida nestes orzamentos é para melloras na actual, e todo isto débese á perda dos fondos FEDER 2007-20013, como denunciou en reiteradas ocasións o BNG.