O BNG propón que a web do Concello de Santiago se sume ao PuntoGal
A capital de Galiza debera ser un referente para facer máis visíbel a lingua e a cultura e para promover a comunidade galega en internet
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2014.- O concelleiro do BNG, Rafael Vilar, proporá no vindeiro Pleno que o Concello de Santiago se sume á iniciativa do PuntoGal e utilice este dominio para a web www.santiagodecompostela.gal e para as demais de ámbito municipal, como están a facer organismos, institucións e empresas para identificar o noso país en internet.
Segundo explicou Rafael Vilar, coa utilización deste dominio .gal preténdese promover a difusión e facer visíbel a nosa lingua e a nosa cultura, ademais de situar Galiza no mapa das comunicacións por internet con carácter universal.
Cuestionou ademais que o Goberno local non impulsase a participación do Concello de Santiago no programa Pioneiros do PuntoGal, tendo en conta que é a capital de Galiza e que debera ser un referente para promover a comunidade galega en internet.
O recoñecemento público e o éxito de acollida do PuntoGal demostra que a sociedade galega apoia a normalización do idioma nos máis diversos ámbitos. Máis de 120 colectivos, as principais institucións culturais do país, as tres universidades, colexios profesionais, empresas de novas tecnoloxías, medios de comunicación, asociacións culturais de base, formacións políticas e milleiros internautas a título individual amosáronse a prol deste identificador para a lingua e cultura galegas na longa carreira para que a ICANN concedese este dominio propio para Galiza.