O BNG proporá no Pleno suprimir o uso de animais nos circos para evitar o seu sufrimento
Os espectáculos nestes recintos ofrecen unha mensaxe educativa negativa e distorsionada do que supón a fauna silvestre
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2014.- O grupo municipal do BNG proporá no Pleno declarar o concello de Santiago como cidade libre de circos con animais e non autorizar nin promover estes espectáculos.
A concelleira Elvira Cienfuegos explicou que a Lei de Protección de animais domésticos e salvaxes en catividade de 1983 sinala no seu artigo 5 que se prohibe a utilización de animais en espectáculos, pelexas, festas populares e outras actividades que lles poidan ocasionar dano, sufrimento ou facelos obxecto de tratamento antinatural.
A vida dos animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cativerio. As exhibicións de animais nos circos ofrecen tamén unha mensaxe educativa negativa e distorsionada do que supón a fauna silvestre. Aínda que os espectáculos circenses non amosen condutas de violencia explícita á vista do público espectador, os actos que os animais teñen que realizaren non son habituais nin naturais e, para obrigalos a se comportaren deste xeito, sométenos a métodos de adestramento con castigo físico, privación de alimento e illamento do resto dos seus conxéneres, recolle o texto da moción do BNG.
Os animais que viven nos circos están obrigados a permaneceren o resto da súa vida privados de liberdade, atados, engaiolados ou encadeados en camións de traslado, negando calquera posibilidade de satisfacción das súas necesidades etolóxicas e naturais. O transporte destes animais en gaiolas, no que adoitan ter falta de espazo e de auga, dá lugar a denuncias que moitas veces rematan en sancións por incumprir a normativa de benestar animal. Ademais, a natureza transitoria dos circos e a vida constante de confinamento, privación de estimulación e frustración da fauna, conduce os animais a estados neuróticos e comportamentos repetitivos estereotipados impropios da súa natureza.
En diferentes países como Canadá, Suecia ou Dinamarca e en localidades máis próximas como Betanzos, Teo, Vigo, Palma de Mallorca ou Vitoria xa se prohibiu o uso de animais en espectáculos circenses. Tamén en Catalunya entrará en vigor este ano o contido dunha proposición de lei aprobada no Parlament que busca evitar o sufrimento e os malos tratos aos animais e suprime as autorizacións para circos con animais.