A rotonda de Galeras responde máis a solucionar un problema particular que o interese xeral
Para Rubén Cela esta actuación sementa dúbidas sobre a repercusión da rotonda na mobilidade e na seguridade viaria da zona
O PP non lle remitiu o proxecto ao BNG a pesar de telo requirido formalmente
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou que a actuación do PP na zona de Galeras, coa que lle permite a unha empresa facer unha rotonda e accesos a un aparcadoiro, presenta dúbidas sobre a súa motivación porque tememos que non se trata de garantir o interese público senón de solucionar un problema particular privado.
A actuación presenta dúbidas tamén sobre se vai mellorar a mobilidade e a seguridade na zona e se era a única e a mellor opción para garantir o dobre sentido na rúa García- Sabell, explicou Rubén Cela.
Outra das dúbidas que sementa a súa xestión é se unha obra destas características nun espazo público, como se vai facer, se pode acometer sen que exista un procedemento de contratación pública e, polo tanto, sen que se garanta a publicidade e a concorrencia.
Para Rubén Cela, nesta operación hai un gran beneficiario, que é o aparcadoiro, e por iso paga a obra; mais o que presenta moitas dúbidas é se Santiago de Compostela sae gañando cunha actuación deste tipo. Lembrou ademais que o Concello de Santiago debe antepor os intereses colectivos da veciñanza a calquera interese particular, por lexítimo que sexa este.
Chamou tamén a atención sobre a celeridade desta actuación que contrasta coa lentitude doutras como a da rúa de San Pedro que non estará operativa até Semana Santa, cando tiña un prazo de execución de catro meses e medio dende xullo e xa contou cunha prórroga até o 5 de febreiro.
Rubén Cela fixo especial fincapé na falta de diálogo coa veciñanza e cos comerciantes de Galeras, ademais do escurantismo do proxecto, posto que o PP non lle remitiu o proxecto ao BNG a pesar de telo requirido formalmente.