O BNG propón no Pleno un bonobús para persoas desempregadas de longa duración, que o PP rexeitou
Trasladou a reivindicación da veciñanza para que se restabelezan as liñas e frecuencias de autobús urbano que recortou o PP no rural
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2014.- O grupo municipal do BNG de Santiago trasladou á sesión plenaria de xaneiro catro mocións, dous rogos e tres preguntas dirixidas ao Goberno local. Así, defendeu a posta en marcha dun novo bono de autobús para persoas desempregadas de longa duración, que se restitúan as liñas e frecuencias de transporte público no Son de Abaixo, que o patrimonio artístico das extintas caixas de aforro teña titularidade pública e que se suprima o uso de animais no circo para evitar o seu sufrimento, entre outros.
As persoas que residen en Santiago de Compostela sen ningún ingreso económico non dispoñen de bonificación no autobús urbano, o que lles dificulta o acceso a un servizo básico municipal como é o transporte público colectivo. Existe unha demanda crecente dun bono dirixido a persoas desempregadas de longa duración que lles permita utilizar este servizo de transporte público de xeito gratuíto, como unha medida que mesmo pode contribuír a estimular a busca activa dun posto de traballo e a desenvolver a súa vida persoal con maior facilidade. O PP rexeitou o debate da moción do BNG.
O BNG esixiu, ademais, que se restabeleza o transporte público no Son, xa que a veciñanza ten que se desprazar máis de tres quilómetros dende que en setembro de 2013 se eliminaron liñas e frecuencias de autobús nesta zona que contaba con este servizo dende a década de 1970. Este recorte de liñas xera graves problemas para a veciñanza, que ve dificultada a súa xestión diaria no relativo a acudiren aos postos de traballo, ás compras e aos centros médicos. De feito, o grupo municipal do BNG achegouse ao grupo de veciños e de veciñas que trasladaron as súas reivindicacións ás portas do Pazo de Raxoi para lles transmitir a súa solidariedade.
Noutra das mocións do BNG ía destinada a que se preserve o fondo de patrimonio artístico e documental das antigas caixas de aforro para evitar a súa posíbel venda e deslocalización. Para o grupo nacionalista, hai un risco real de perda destas 7.000 obras que forman parte da identidade colectiva de Galiza como país e que foi posíbel xuntar grazas á acción de aforro de moitos galegos e galegas, inherente á función social e cultural das caixas.
O grupo municipal do BNG propuxo tamén declarar o concello de Santiago como cidade libre de circos con animais e non autorizar nin promover estes espectáculos, para evitar o maltrato animal e evitar a mensaxe educativa negativa e distorsionada do que supón a fauna silvestre.
Entre outros temas que trasladou o BNG ao Pleno está unha pregunta sobre o convenio e o proxecto para a rotonda do aparcadoiro de Galeras, un rogo para que se proceda ao acondicionamento e mantemento das vías e beirarrúas do campus universitario e outra pregunta sobre as obras de urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño e das medidas de seguridade na zona.