O BNG require información sobre as obras na Casa de Brandía ante posíbeis irregularidades
Hai dúbidas de que o segundo andar dese edificio poida ser utilizado polo público e de que se poida cobrar a subvención da Deputación
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista informou de que o BNG rexistrou a solicitude do expediente completo das obras de remodelación do centro sociocultural de Brandía, en Vidán, e unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno local sobre as actuacións alí desenvolvidas.
Segundo explicou Rubén Cela, o BNG viuse na obriga de realizar estas peticións porque moito é de temer que isto se sume á listaxe, xa demasiado longa, de actuacións carentes de rigor como foron a da Virxe Branca ou a do centro sociocultural do Romaño.
Así, advertiu de que hai dúbidas de que a obra se executase en prazo, de que o segundo andar dese centro sociocultural poida ser utilizado polo público, de que se vaia recepcionar esa obra e de que poida cobrar a subvención concedida pola Deputación provincial para o financiamento desta actuación.
Por estes motivos, o BNG realizou un requirimento de todos os expedientes e información do procedemento do centro sociocultural de Brandía para poder ter un contraste e para coñecer realmente que aconteceu nesa obra.
O proxecto de rehabilitación do segundo andar da Casa de Brandía foi adxudicado en agosto de 2013, tiña un prazo de execución de tres meses e as obras deberían estar rematadas antes do 15 de novembro do ano pasado. O proxecto ten un custo de 175.844 euros, que debería achegar a Deputación da Coruña.