O levantamento do segredo da Pokemon é unha escusa menos para asumiren responsabilidades políticas
Rubén Cela demandou que se axilice o máximo posíbel a instrución desta causa porque sería terríbel para Santiago que isto se prolongase no tempo
Santiago de Compostela asumiu, coa operación Pokemon, un custe difícil de reparar en temas de imaxe, de parálise e de funcionamento do Concello
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, valorou o levantamento parcial do segredo de sumario da Pokemon como a única noticia positiva dende que comezou e amosou satisfacción porque, a partir de agora, se poida saber o que se está a investigar e que acusacións concretas hai sobre as persoas imputadas.
Demandou, así mesmo, que se axilice o máximo posíbel a instrución desta causa porque sería terríbel para Santiago que isto se prolongase no tempo, pois a cidade xa ten asumido un custe grande e difícil de reparar en temas de imaxe, de parálise e de funcionamento do Concello, así como de descrédito, desprestixio e desafección para os veciños e as veciñas cara ás súas institucións.
Con independencia de como marche esta causa xudicial haberá unha escusa menos, que era o segredo de sumario, para asumir as responsabilidades políticas, afirmou. O BNG insiste no esclarecemento dos feitos e, en caso de se confirmaren condutas delituosas, que caia todo o peso da lei sobre as persoas implicadas e que asuman as súas responsabilidades políticas para restituír a confianza da cidadanía nas institucións públicas.