O PP debe retirar a valoración sobre o COAG tras pedir a paralización do proxecto da praza de Galiza

O PP debe retirar a valoración sobre o COAG tras pedir a paralización do proxecto da praza de Galiza

“Insinuar que detrás hai unha instigación política está fóra de lugar e non se pode tolerar”

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2014.- Sobre a petición do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza de que se paralicen as obras para instalar un espazo infantil na praza de Galiza, Rubén Cela afirmou, perante preguntas de xornalistas, que as declaracións da portavoz do Goberno local, María Pardo, constitúen “unha nova saída de ton desafortunada” que agarda “que retire ou que desautorice o alcalde da cidade”.

Rubén Cela lembrou tamén os precedentes da portavoz do Goberno local de acusar o poder xudicial de persecución política ao PP e a determinados colectivos veciñais. “Pór en dúbida a profesionalidade e a seriedade do Colexio Oficial de Arquitectos non é de recibo para a portavoz dun grupo de Goberno”, indicou Rubén Cela, porque este colectivo profesional “ten unha traxectoria, un prestixio e un bo facer que non se debe desautorizar nin pór en tea de xuízo cando o que din non lle gusta”.

“O mínimo que se lle pode esixir a un representante público é escoitar o COAG con respecto e, de boas formas, pode dicir que non comparte a súa opinión, mais insinuar que detrás hai unha instigación política está fóra de lugar e non se pode tolerar”, concluíu o portavoz municipal nacionalista.

O PP debe retirar a valoración sobre o COAG tras pedir a paralización do proxecto da praza de Galiza