O BNG pide responsabilidades políticas en forma de dimisións no caso Pokemon
Vence entende que este tipo de corrupción xeneralizada é unha consecuencia de privatizar os servizos públicos para obter lucro privado
A Coruña, 1 de febreiro 2014.- O portavoz nacional, Xavier Vence, considera que a información difundida e os datos revelados no levantamento parcial do sumario da instrución do caso Pokemon evidencian unha situación de corrupción xeneralizada que debe traducirse en responsabilidades políticas en forma de dimisión nos concellos afectados, en aras da dignidade das institucións.
Desde o BNG consideramos que hai necesidade de depurar responsabilidades políticas que deben dar lugar á dimisión do alcalde de Santiago pola manifesta corrupción de contratos coa empresa Vendex, e exactamente igual co alcalde de Lugo e co tenente de alcalde do Concello da Coruña, salientou Vence.
O dirixente nacionalista insta a esas dimisión para recuperar a dignidade das institucións e da democracia, e porque a cidadanía non pode tolerar unha forma de funcionar corrupta das administracións municipais onde se utilice a contratación de servizos públicos para facer negocios privados e para a contratación de xente a dedo, denunciou o portavoz nacional do Bloque.
Neste sentido, Vence, argumentou que máis aló das consecuencias que se deriven pola vía xudicial, hai que asumir responsabilidades políticas para restablecer a dignidade institucional nestes concellos, en relación a Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense.
Cazadores de contratos
Ademais da esixencia de dimisións, o portavoz nacional puxo o foco nas consecuencias que trae a privatización de servizos públicos para favorecer o lucro de empresas privadas que, subliñou, están no fondo desta situación de corrupción xeneralizada nos municipios afectados.
A operación Pokemon pon de manifesto a onde leva a privatización dos servizos públicos, pon en evidencia como hai empresas cazadoras de contratos que teñen como modus operandi para conseguilos a corrupción de todos os que están na cadea de mando, funcionarios e responsables políticos, explicou.
A privatización do sector público trae estas redes de influencia para colocar xente a dedo, para que circulen soldos, sobresoldos e sobres que, ao final, enchen de lama o funcionamento das nosas institucións, reiterou o portavoz nacional. Non é o modelo que hai que seguir, debemos reverter a privatización de servizos públicos e recuperalos e facer que funcionen con transparencia e limpeza ao servizo da cidadanía.
Vence salienta que é outro argumento máis para enfrontar o proceso de privatización de servizos públicos: É o momento de reformularse a privatización dos servizos públicos e recuperalos para que se xestionen con transparencia e cunha contratación de persoal mediante procesos de concurso e oposicións, como sempre se funcionou no sector público.