[Pokemon]Rubén Cela insta ao alcalde a pedirlle desculpas á veciñanza e a presentar a súa dimisión
O Servizo de Vixilancia Aduaneira entende que o actual alcalde de Santiago era coñecedor, consentidor e co-partícipe de enchufes en empresas concesionarias de servizos municipais
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, en declaracións aos medios de comunicación diante do Concello de Santiago xunto co portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, afirmou que a Currás só lle quedan dúas cousas por facer este mesmo día: pedirlle desculpas aos seus veciños e veciñas e presentar de inmediato a súa dimisión logo das pescudas de corrupción na operación Pokemon. No acto participou un grupo de militantes e simpatizantes do BNG cunha faixa co lema "Goberno municipal dimisión".
O BNG sempre defendeu que hai que diferenciar o plano xudicial do estritamente político e, con independencia da marcha xudicial da operación Pokemon en Santiago de Compostela, hoxe temos os suficientes datos enriba da mesa para que sexa inxustificábel que Ángel Currás siga un minuto máis como alcalde desta cidade, indicou. Insistiu, ademais, en que deben dimitir todos os concelleiros e as concelleiras imputados por indicios de corrupción no marco da operación Pokemon.
Segundo explicou Rubén Cela, sábese que houbo adxudicacións amañadas e non foron feitos puntuais, senón como recoñece Ángel Espadas, el foi un corrupto e hai moitas cousas que nin sequera podería contar cando nesa etapa Ángel Currás non era un calquera, era o tenente de alcalde, a man dereita de Gerardo Conde Roa, polo tanto, tamén ten responsabilidades daquela época.
Sábese tamén a que se refire o PP cando fala de creación de emprego: emprego para os seus familiares, para os seus amigos e para os seus militantes para converter este pazo de Raxoi nunha cova de Alí Babá, proseguiu. O Servizo de Vixilancia Aduaneira entende que o actual alcalde de Santiago era coñecedor, consentidor e co-partícipe de enchufes en determinadas empresas concesionarias de servizos municipais, engadiu.
Lembrou tamén que o BNG leva preto de dous anos cuestionando a estratexia do PP para apartar a anterior interventora e o anterior secretario deste Concello, feito que contou coa colaboración do presidente da Xunta de Galiza. Para o BNG é inadmisíbel que as cousas sigan como están e co PP mirando para outro lado cando hoxe 10 dos 13 concelleiros do PP que conforman o grupo de Goberno están imputados nalgunha das 5 causas xudiciais abertas.
Nunha das conversas gravadas Paula Prado afirmaba que se Ángel Currás conseguía a Alcaldía sería un suicidio; foi un suicidio para o PP pero o terríbel é que foi un suicidio para esta cidade porque nunca unha organización política como o PP lle fixo tanto dano a Santiago de Compostela en termos de imaxe, de funcionamento ordinario deste Concello e de desafección e desconfianza da cidadanía cara á institución e cara aos seus representantes.
Galería de imaxes do acto diante do pazo de Raxoi.