Vence pídelle a Feijóo a dimisión dos cargos imputados na Pokemon
A privatización de servizos públicos deixa ao descuberto as cloacas do poder político do PP e do PSOE
Fronte ao todos son iguais, o BNG demostra que se pode gobernar sen caer en prácticas corruptas
Santiago de Compostela, 3 de Febreiro 2014.- O sumario do caso Pokemon sitúa o Concello de Santiago como punto neurálxico desta suposta trama de corrupción, razón pola que o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, se desprazou ao Pazo de Raxoi para reclamar ao líder do PP e presidente da Xunta que dea a cara e inste a todos os cargos públicos populares implicados a asumir responsabilidades políticas.
Núñez Feijóo debe implicarse e esixir ao alcalde de Santiago e aos concelleiros implicados, -10 dos 13 que ten o grupo municipal-, a súa renuncia inmediata, salientou Vence, para quen o Goberno que preside Angel Currás é o paradigma da forma corrupta de gobernar do PP, usando as institucións para crear redes clientelais.
Ten moito que dicir, insistiu Vence, e non pode agocharse tras ningún parapeto, ten que dar a cara porque os responsables de goberno municipal do seu partido nas principais cidades deste país están comprometidos, e debe esixir a dimisión de todos os responsables do seu partido implicados na trama.
O dirixente nacionalista denunciou que o sumario deste caso deixou ao descuberto as miserias dos dous partidos estatais.
É unha radiografía das cloacas do poder político do PP e do PSOE en Galiza, en particular nos concellos das cidades de Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense, unha forma de entregar os intereses da cidadanía a empresas privadas para todo tipo de corruptelas, que deixa ao descuberto as tripas das redes corruptas do PP e do PSOE e como entregan os intereses da cidadanía a empresas privadas, denunciou.
Rebelión cidadán
Neste sentido, Vence instou á cidadanía a rebelarse contra estas prácticas corruptas, e subliñou a falacia do todos son iguais coa que o PP quere estender o seu lixo a todos os partidos políticas, porque o BNG demostra cada día que se pode gobernar con honestidade.
Instamos á cidadanía a ter en conta que esa mensaxe da dereita de que todos somos iguais é absolutamente mentira. Son o PP e o PSOE quen deben render contas pola súa forma de gobernar, argumentou.
Por contra, subliñou a honestidade dos nosos cargos públicos que non aparecen manchados neste sumario aínda que as alcaldías gobernadas polo BNG tamén foron tentadas, pero non conseguiron os seus resultados porque a fronte hai uns xestores honestos que non venden os intereses da cidadanía.
Non todos somos iguais, e o BNG pode demostrar que tendo responsabilidades de goberno non está afectado por esas prácticas corruptas e podemos reivindicar a honestidade dos nosos responsables públicos, sabemos que a cidadanía non vai esquecer esta realidade, recalcou.
Consecuencias da privatización
O portavoz nacional tamén resaltou as consecuencias da política de privatización de servizos que considera, ao lado da deshonestidade dos implicados, a clave desta suposta trama de corrupción.
A privatización dos servizos públicos xunto coa baixa moral demostrada polos cargos do PP e do PSOE nos concellos afectados son a clave do entramado de corrupción xeneralizada que aflora no caso Pokemon, que se suma a outras tramas de corrupción similares como a Gürtel ou Bárcenas, explicou.
Vence resaltou que a privatización beneficia a empresas desaprehensivas, auténticas cazadoras de contratos por vías corruptas, e a uns políticos igualmente desaprehensivos que usan a súa posición nas institucións en beneficio propio e das súas redes familiares e clientelais, actuando como axencias de colocación incluíndo prácticas de financiamento ilegal.
É preciso parar esa febre privatizadora que desvía os impostos da cidadanía para enriquecemento ilícito, en lugar de para garantir servizos públicos de calidade. Hai que reverte ese proceso, concluíu Vence.