O BNG reclama 7,7 millóns de euros máis nos Orzamentos da Xunta para Santiago
Rubén Cela demándalle ao alcalde que inclúa na axenda política mellorar o sistema de financiamento da Universidade de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2014.- O BNG rexistrou un total de 11 emendas por valor 7,7 millóns de euros aos Orzamentos da Xunta para Santiago de Compostela en 2015. Segundo explicaron a deputada Ana Pontón e o portavoz municipal Rubén Cela, as partidas de nova creación e de incremento das existentes que propón o BNG van destinadas á mellora dos servizos públicos como os centros de ensino e de saúde, a garantir o dereito á vivenda, a preservar o medio ambiente e á seguridade viaria, ademais das globais de creación de emprego e de servizos sociais.
En concreto, o BNG reclama incrementar en 1 millón de euros a partida destinada a mellorar os centros educativos públicos de Santiago de Compostela, 200.000 para o aparcadoiro do CEIP de Roxos, 200.000 para dotar dunha nova escola infantil en Sar, 500.000 para a Escola Oficial de Idiomas, 400.000 para axudar a rehabilitar as vivendas de San Ignacio de Loyola (Banco do Pobre), 1 millón para a construción de vivenda protexida en Compostela, 2 millóns para sufragar gastos derivados da condición de capitalidade da cidade de Santiago de Compostela, 500.000 para a variante de Aradas, 1 millón para o centro de saúde de Conxo, unha partida para o centro de saúde de Galeras e 400.000 máis para o Consorcio da Cidade de Santiago.
Segundo explicou Ana Pontón, o BNG valorou de forma negativa estes Orzamentos da Xunta posto que consolidan os recortes en sanidade, educación e servizos públicos ao tempo que desatenden o principal problema deste país que é a falta de emprego. En total, rexistráronse máis de 300 emendas para toda Galiza.
A construción de vivenda pública leva paralizada dende a entrada do PP na Xunta de Galiza, advertiu a deputada, e nunha cidade como Santiago en que se producen desafiuzamentos hai un problema grave de acceso á vivenda. Neste sentido, o BNG inclúe tamén unha liña que evite os desafiuzamentos, posto que o programa de realoxo da Xunta é un absoluto fiasco.
Rubén Cela destacou o desleixo de funcións por parte dos gobernos local e galego na atención básica das instalacións dos centros de ensino, como ten denunciado a comunidade educativa en tantas ocasións, afirmou, por iso o BNG reclama unha partida de 1 millón de euros, ademais dos 200.000 para a seguridade viaria do CEIP de Roxos e dos 200.000 para un novo equipamento de centro de educación infantil en Sar.
Financiamento da Universidade
Tanto Ana Pontón como Rubén Cela fixeron especial fincapé no financiamento da Universidade de Santiago de Compostela. O PP asfixia o sistema universitario dende un punto de vista económico, que leva a unha situación límite e a unha degradación que non se vira nos últimos 30 anos e, polo tanto, hai unha responsabilidade de futuro porque un país que non invista en educación está condenado a seguir soportando a crise, manifestou a deputada nacionalista. Así, afirmou que o BNG se suma ao S.O.S. lanzado pola USC e reclámalle ao PP unha modificación substancial do plan de financiamento da Universidade de Santiago de Compostela.
Pola súa parte, Rubén Cela destacou que a USC ten unha importancia clave polo que representa de coñecemento, innovación e formación de xeracións futuras deste país mais tamén polo número de traballadores/as e alumnado.
Na axenda política do alcalde de Santiago debería incluír a esixencia aos seus compañeiros do PP na Xunta de Galiza para que, neste trámite dos Orzamentos, se acepten emendas tendentes a mellorar o sistema de financiamento da Universidade porque tal e como veñen de denunciar a situación é crítica, explicou o portavoz municipal do BNG en Raxoi.