O grupo municipal do BNG reúnese con representantes do persoal de limpeza que non cobra os salarios
O Goberno local non pode inhibirse dos incumprimentos dunha empresa por el contratada, explica Rubén Cela
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2014.- O grupo municipal do BNG mantivo unha reunión con representantes das traballadoras da empresa concesionaria da limpeza do Concello de Santiago que non cobran con regularidade as nóminas.
Rubén Cela cualificou a actitude da empresa como impresentábel, porque non se pode consentir que cobre regularmente en tempo e forma e que non pague tamén en tempo e forma ao seu persoal, máxime nun sector con salarios mínimos e con familias con problemas para facerlle fronte ás súas hipotecas e aos gastos básicos domésticos.
O BNG considera que é insuficiente a actuación que realiza o grupo de Goberno, porque o primeiro que debería facer é solidarizarse coas traballadoras e pórse á súa disposición, ademais de iniciar un expediente informativo para analizar o grao de incumprimento desta empresa polo que se rexía o prego do concurso co que gañou a licitación e, en segundo lugar, para explorar o réxime sancionador.
No caso de que iso non fose posíbel, o Concello ten a obriga de impulsar algunha outra vía alternativa como se fixo noutros conflitos como puido ser o de Daviña ou a cesión dese contrato a calquera outra empresa que reúna as condicións de solvencia técnica e económica requiridas neste concurso, sinalou.
Ademais, destacou que o Concello podería aproveitar este tempo para estudar a fondo a posibilidade de remunicipalizar este servizo. Este conflito hai que arranxalo e hai que arranxalo xa, porque non se pode deixar podrecer xa que cada día que pasa vai ter unha solución máis difícil e agardamos que sexa diferente á ofrecida a Sermasa e a Clece nas escolas infantís, engadiu.
Reclamou tamén que o Concello non amose a súa dobre vara de medir, non pode inhibirse dos incumprimentos dunha empresa por el contratada, tendo en conta que os expedientes instrúense a instancias do Goberno e a súa resolución tamén é adoptada polo Goberno, igual que a ponderación da contía das sancións que é potestativa.
Estima o BNG que este Goberno de Hernández actúa con celeridade e contundencia onde non debe e non o fai onde é preciso, explicou, e en casos como o gandeiro da Sionlla vemos unha sanción desproporcionada. Puxo como exemplo o tipo de irregularidade que hai que cometer cun automóbil, con risco e perigo para a poboación, para ter unha multa semellante a esa contía, ademais de constituír un grave precedente para quen desenvolve a actividade agrogandeira no medio rural.