Rubén Cela pregúntalle ao alcalde pola demora en abrir o Centro Galego de Desenvolvemento Integral
O BNG quere saber en que situación en que se atopa a licenza de apertura para este espazo destinado a persoas con discapacidade.
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2014.- O portavoz municipal nacionalista Rubén Cela rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde de Santiago para coñecer os motivos do atraso na apertura do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), posto que as obras están rematadas e a instalación permanece pechada co prexuízo que causa para as máis de 150 persoas que ten previsto atender a diario. En concreto, o BNG pregunta pola situación en se atopa a súa licenza de apertura e pola previsión da entrada en funcionamento deste centro.
Xa no mes de abril, o grupo municipal do BNG rexistrara unha serie de preguntas por escrito ao grupo de Goberno e, a pesar de ter 15 días para responder de acordo co regulamento, aínda non responderon. Reincidimos na pregunta porque queremos saber as causas últimas do atraso para abrir este centro, indicou Rubén Cela en rolda de prensa.
O proxecto do Cegadi remóntase a 2007, cando se conseguiron os terreos e se formalizou a construción da instalación en Salgueiriños grazas ao impulso da área nacionalista na etapa do Goberno da Xunta de Galiza, coa intención de promover a atención integral para persoas con discapacidade nun centro á vangarda de Europa. Estaba previsto dotalo con plans de formación específica para 70 persoas con discapacidade, 60 prazas para habilitación funcional, emocional e psicosocial; e 30 con carácter residencial para fomentar a autonomía das persoas usuarias
Na actualidade, este centro está construído e conta co equipamento necesario, mais aínda non abriu as súas portas. Por este motivo, o grupo nacionalista en Raxoi quere coñecer as causas de que este centro permaneza pechado, xa que até o momento non obtivo resposta ás preguntas realizadas con anterioridade sobre o tema. O BNG quere saber ademais as xestións realizadas polo Goberno de Agustín Hernández coa Xunta de Galiza, se é que as realizou, e a situación en que se encontra a licenza de apertura.
Comisión accesibilidade
Sobre o anuncio de realización de obras para mellorar a accesibilidade na cidade, destacou que foi o BNG quen levou, hai xa bastantes meses, a petición da constitución dunha comisión de accesibilidade, que foi aprobada por unanimidade. Ademais, o BNG realizou diversas preguntas por escrito para instar a pór en marcha esa comisión e tampouco foron respondidas.
Algunhas prácticas seguen igual neste Concello, como é non facilitar a información requirida pola oposición en tempo e forma, como é o caso, sinalou Rubén Cela.