O BNG reclama ao alcalde que non desprece as protestas do persoal de limpeza que non cobra o salario
Requírelle que non bote balóns fóra no conflito coa empresa concesionaria contratada polo Concello de Santiago
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2014.- O grupo municipal do BNG demándalle ao alcalde Agustín Hernández que non bote balóns fóra no conflito da empresa concesionaria da limpeza Linorsa por impago de salarios ao persoal. O alcalde ten que garantir unha solución inmediata porque resulta inadmisíbel que unha empresa cobre puntualmente do Concello de Santiago e eses cartos non se dirixan ao pago das nóminas do persoal que presta este servizo.
Para o BNG, o alcalde debe adoptar unha actitude proactiva e non desprezar as protestas lexítimas das traballadoras que reclaman os soldos que lles adebeda esta empresa contratada polo Concello de Santiago para a limpeza das súas dependencias.
O BNG, ademais de amosar a súa solidariedade coas traballadoras, aposta por combater a precariedade laboral que sofren colectivos coma este. Así, insiste en requirir celeridade e contundencia ao Goberno de Hernández para que a empresa pague as nóminas con normalidade, xa que administración ten o deber de controlar as concesionarias contratadas e de velar polo cumprimento do servizo ofertado.
O Concello ten que actuar xa, porque a cada mes que pase se agravan o conflito e a responsabilidade municipal cos fondos que destina para a prestación deste servizo, polo que o alcalde debe explorar as vías de resolución do contrato canto antes para evitar que o problema se agrande, indicou o portavoz municipal do BNG, Rubén Cela.