O BNG reclama unha excepcionalidade na clasificación dos terreos de servidume do aeroporto
Galiza ten unha particularidade que non existe no Estado español, que é a tipificación de Solo de Núcleo Rural e en Madrid, onde tramitan os expedientes da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, non a recoñecen
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, presentou en rolda de prensa unha moción que o BNG defenderá no vindeiro Pleno destinada a que o Concello de Santiago inste ao Ministerio de Fomento e á Axencia Estatal de Seguridade Aérea a que se teña en conta o Solo de Núcleo Rural como Núcleo Urbano Consolidado no relativo aos expedientes de obras que se atopen dentro da servidume do aeroporto de Lavacolla, co fin de axilizar a concesión de licenzas de obras menores.
Segundo explicou Rubén Cela, hai aproximadamente un ano, publicábase no BOE o Real Decreto 297/2013, segundo o cal, todos os expedientes de obras que se atopen dentro da servidume aeronáutica deben ser remitidos á Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).
No caso da extensión desa área de servidume do aeroporto de Lavacolla do termo municipal de Santiago non é precisamente pequena e á que habería que sumar a afectada noutros concellos como Oroso, O Pino, Boqueixón ou Ordes, indicou.
Iso, de por si, provoca un retraso e unha dificultade engadida para todos os propietarios deses ámbitos. Porén, fican exentos de solicitar permiso á AESA, as obras menores que se atopen dentro dun Núcleo Urbano Consolidado.
Galiza ten unha particularidade que non existe no Estado español, que é a tipificación de Solo de Núcleo Rural e en Madrid, onde tramitan os expedientes da AESA, non recoñecen esta diferenciación, polo que non é recoñecido como Núcleo Urbano Consolidado a estes efectos, explicou o portavoz municipal.
Así, puxo como exemplo que, para casos como poden ser un simple retellado, arranxo dunha fachada, substitución de carpinterías ou mesmo a construción dun peche de parcela en Solo de Núcleo Rural, é preciso solicitar permiso á AESA, polo que se dilata a concesión de licenza en até seis meses (iso no caso de recibir contestación, en caso contrario non se obtería licenza posto que se entende denegado).
Polo tanto, dende o BNG somos conscientes de que non son equiparábeis ao 100% a tipificación de Solo de Núcleo Rural e o Núcleo Urbano Consolidado, pero a estes efectos, é evidente que si e por iso reclamamos que se simplifique a tramitación administrativa nestes terreos de servidume de Lavacolla, concluíu.