O BNG acusa a Xunta de pór en risco 332 millóns de euros de fondos europeos para depuración de augas

O BNG acusa a Xunta de pór en risco 332 millóns de euros de fondos europeos para depuración de augas

A candidata nacionalista, Ana Miranda, visitou as obras paralizadas dos colectores de Santiago, polas que a Unión Europea ten aberto un procedemento de infracción polo incumprimento da Directiva Comunitaria da Auga

visita.depuradora

“Unha infraestrutura que tiña que estar rematada no ano 2000 non estará en funcionamento ata o 2020, con 20 anos de atraso”, denunciou a cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, que acusou ao PP de “facer un mal uso dos fondos europeos” nas institucións que goberna, afirmou a cabeza de lista do BNG ás eleccións europeas.

Santiago de Compostela, 29 de abril 2014.- A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, acusou hoxe á Xunta de Galiza de poñer en risco 332 millóns de euros de fondos europeos previstos para a depuración de augas no período 2014-2020 polo “mal uso que ten feito destes fondos comunitarios o Partido Popular en todas as institucións que goberna”.

A eurodeputada do Bloque, que visitou esta mañá, acompañada de concelleiros e membros do BNG de Compostela, as obras paralizadas do colector do río Sar, afirmou que “esta infraestrutura tiña que estar rematada no ano 2000, segundo a Directiva Comunitaria de Augas, e non estará en funcionamento antes do 2020, é dicir, con 20 anos de retraso”, denunciou.

Ana Miranda evidenciou que a Unión Europea ten abertos neste momento varios procedementos de infracción por “incumprimento da normativa europea relativa á depuración de augas” e polo “uso fraudulento feito polas institucións gobernadas polo Partido Popular dos fondos destinados á depuración”. Lembrou que a UE investiga á Deputación de Ourense por uso de fondos europeos en “depuradoras pantasma”, instalacións que non chegaron a ser construídas, e á Xunta de Galiza por outras 11 depuradoras.

A Comisión Europea denunciou diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ao Estado español por incumprir esta Directiva da Auga, que obrigaba aos Estados membros da UE a ter depuradas as augas das cidades e vilas de máis de 15.000 habitantes o 31 de decembro do ano 2000. Entre as 38 cidades e vilas do Estado español sen depuración 11 atópanse en Galiza, entre elas as cidades de Santiago e A Coruña. “É inadmisible que Galiza, o país dos mil ríos non teña depuradas as súas augas cando se recibiron 25.000 millóns de euros de fondos europeos e isto débese á nefasta xestión dos Gobernos do Partido Popular”, dixo Ana Miranda.

Obras paralizadas no rio Sar

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo estivo acompañada por concelleiros e membros do BNG de Santiago. Diante dun dos colectores interceptores do río Sar, contratados polo Estado con fondos europeos, a concelleira Elvira Cienfuegos denunciou que no ano 2010 rematou o primeiro colector ou primeiro tramo do saneamento da cidade, o que vai desde San Lázaro até Pontepedriña, pero que “por unhas ou o outras razóns, o segundo tramo ou segundo colector, sufriu varias paradas na súa construción, unha situación na que se atopa hoxe”, dixo.

Unha rede eficiente de colectores de augas residuais e unha depuración final que garanta a calidade das augas que se verten ao medio natural é condición necesaria para cumprir a Directiva Europea de Augas. “Para facilitar o seu cumprimento -lembrou Elvira Cienfuegos- Europa habilitou fondos, como os que se utilizaron para a rede de colectores do Sar ou o os que estaban previstos para a nova depuradora que substituirá a actual, da que, pola desidia do PP aínda non está iniciada a licitación”, denunciou.

Elvira Cienfuegos lembrou que no ano 2010 das 38 depuradoras que provocaron a ameaza de sanción ao Estado Español por parte da Unión Europea, 11 faltaban en Galiza e unha era a de Santiago. “11 de 38, é dicir case un 30% cando nin en poboación nin en superficie Galiza chega ao representar o 10% do Estado”, evidenciou.

O BNG acusa a Xunta de pór en risco 332 millóns de euros de fondos europeos para depuración de augas