O BNG reclama que se repoña un poste en Villestro co tendido eléctrico suxeito a unha árbore
Este feito é unha mostra máis do desleixo do Goberno municipal co funcionamento dos servizos, pois leva así dende 2013
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2015.- O grupo municipal do BNG requírelle ao alcalde de Santiago que busque unha solución urxente para repoñer un poste que caeu nun temporal de 2013 no lugar de Carballal, en Villestro, porque o tendido eléctrico leva máis dun ano de xeito provisional sobre unha árbore de propiedade particular.
Para o BNG este feito é unha mostra do desleixo do Goberno municipal ante a reposición dun poste de alumeado no lugar de Carballal, na parroquia de Villestro, que rompeu co temporal do 24 e 25 de decembro de 2013. Naquel momento, unha familia cedeu unha árbore situada no interior da finca da súa propiedade para manter o servizo de urxencia.
Logo de que transcorrese un ano sen restabelecer o poste eléctrico, e ante o potencial perigo que entraña manter esa conexión pública realizada de xeito provisional, o BNG reclámalle ao alcalde de Santiago que busque unha solución de inmediato para proceder á realización das accións necesarias para erguer de novo a farola.
O BNG pregúntalle tamén ao alcalde se considera que o tempo transcorrido -máis dun ano- non foi suficiente para resolver esta irregularidade no servizo de alumeado e a previsión que manexa para arranxar este problema.