Rubén Cela demándalle ao alcalde máis seriedade porque en Carreira do Conde se senten enganados
As obras de retirada da pedra comezaron antes de ter a reunión prevista
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sinalou que nas obras de Carreira do Conde comezaron coa retirada de pedra perimetral da zona axardinada, a pesar de que o Goberno municipal na anterior reunión coa veciñanza e comerciantes comprometérase a revisar o proxecto. Así, Rubén Cela demandoulle a Agustín Hernández máis seriedade porque este feito causou un gran malestar entre a veciñanza que se sente enganada.
A última información que o Goberno municipal lle trasladara á veciñanza e comerciantes da zona era a pretensión de eliminar as bancadas e manter o tránsito de vehículos na rúa, cando estaba prevista facela peonil no proxecto orixinal. Porén, as obras proseguiron nos últimos días e xa comezaron a extraer as lousas de pedra que bordean o xardín.
O BNG require do alcalde un maior respecto á veciñanza e comerciantes de Carreira do Conde e que primeiro dialogue e trate de chegar a acordos, pero que non actúe de costas e incumprindo a súa propia palabra.
Rubén Cela explicou, ademais, que esta nova reunión do alcalde chega tarde porque o momento de presentarlle o plan de humanización á veciñanza e comerciantes era hai seis meses, para facerlle as modificacións necesarias ao anteproxecto, seguindo a tramitación correspondente, e máis nesta obra de grande envergadura.
Dende o BNG solicitouse información sobre as modificacións que o Goberno municipal quere introducir no proxecto aprobado e demandou, así mesmo, que se paralicen as obras mentres non se clarifique a situación.