Rubén Cela cualifica de grave incumprimento que o PP non convocase o Debate do Estado do Municipio
O regulamento municipal determina que deben organizarse tres en cada período corporativo, agás en ano electoral
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cando se cumpren 200 días da investidura de Agustín Hernández como alcalde de Santiago, cualificou como un grave incumprimento que o PP non convocase o Debate do Estado do Municipio neste mandato, tendo en conta que 2015 é ano electoral e non pode celebrarse.
Para o BNG, a falta de transparencia e de calidade democrática do PP neste mandato é notoria. Nos últimos anos mudaron as caras dos alcaldes pero non a forma nin o fondo das políticas do PP, indicou Rubén Cela, vémolo coa actuación prevista para Xoán XXIII e nas mocións e propostas da oposición nos plenos, que nin sequera permite debater, ou ao desbotar as alegacións aos Orzamentos municipais.
O PP non convocou ningún dos tres debates do Estado do Municipio que obrigatoriamente tiñan que producirse de acordo co artigo 114 do Regulamento orgánico municipal, que determina que en cada mandato corporativo se convocarán tres sesións extraordinarias do Pleno dedicadas ao Debate do Estado do Concello e que non haberá lugar a realizalo nos anos en que se celebren eleccións municipais.
Incumprir o regulamento
Polo tanto, explicou, o PP non convocou ningún destes tres debates cando o tiña que facer e agora co 2015 xa iniciado non se poden celebrar. Todo o mandato do PP saldarase cun incumprimento gravísimo de algo que vén regulado na normativa interna deste Concello, que non é potestativo nin voluntario, e ademais vulnerouse de xeito sistemático e consciente.
Lembrou Rubén Cela que o 20 de decembro de 2012 se dirixiu por carta a Currás esixíndolle a convocatoria inmediata dese debate de política xeral e obtendo o silencio por resposta. Un ano despois, á vista de que iso non avanzaba, o 18 de decembro de 2013 o BNG elevouno a Pleno como unha moción e o PP tivo a desfachatez de votar en contra desta iniciativa que pedía o cumprimento do regulamento interno deste Concello de Santiago.
Isto amosa o xeito autoritario de gobernar do PP, onde sempre primou os intereses de partido sobre os da cidadanía. Neste caso, o Debate do Estado do Municipio non é algo potestativo, o alcalde non pode decidir se se se fai ou non se fai porque lle apetece ou non lle apetece, explicou, o alcalde o máximo que pode decidir é a data de celebración. Así, equiparou a decisión sobre a convocatoria dos debates dos chamados Debate do Estado da Nación ou do Debate do Estado da Autonomía. A ninguén lle pasaría pola cabeza que a Feijóo ou a Rajoy que non os convocasen porque non lles apetece, expresou.
Recordou tamén que o BNG propuxera que este debate se convocase nun espazo con maior aforo que o salón de plenos, para que puidese acudir a cidadanía, mais o PP rouboulle á cidade de Santiago a oportunidade de escoitar a xestión do Goberno local e da oposición.
Para o BNG, este debate contribúe a ofrecer maior transparencia na xestión e a mellorar a calidade democrática desta institución, ademais de servir de instrumento para facer balance do traballo desenvolvido co fin de corrixir erros detectados. Serve, así mesmo, para dar a coñecer e para fomentar a participación da veciñanza na toma de decisións adoptadas pola administración local.