O BNG solidarízase coas persoas denunciadas no despexo de Aríns
Acudirá este mércores á concentración de Stop-Desafiuzamentos prevista para as 11:30 diante dos Xulgados de Fontiñas
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2015.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, expresou a solidariedade do BNG ás persoas que este mércores serán xulgadas en Fontiñas pola súa participación no intento de paralización do desafiuzamento de Aríns. Entre estas persoas, sinalou, hai tamén un compañeiro do Consello local do BNG; para todas elas transmitimos o noso apoio e solidariedade.
Así, indicou que unha representación do BNG estará na concentración convocada por Stop-Desafiuzamentos para expresar apoio e tamén a través das autoinculpacións. Rubén Cela afirmou ser unha das 200 persoas que se autoinculparon nesta causa porque fisicamente estaba alí aquel día, comparto e respaldo os obxectivos últimos daquela actuación que era intentar parar aquel desafiuzamento inxusto, como calquera outro mais este ten o agravante dunha trama escura cunha estafa.
O BNG seguirá a denunciar unha política do PP represiva e de medo que non intenta amedrentarnos a nós persoalmente nin ás organizacións, senón ao conxunto da sociedade compostelá e galega, cunha mensaxe subliminal para que a xente quede nas súas casas calada ante o que acontece.
Isto é incompatíbel cunha democracia minimamente avanzada, porque a liberdade de expresión e o dereito de reunión e de manifestación non se negocian; por iso estaremos este mércores na concentración diante dos Xulgados para defendelos, sinalou o portavoz municipal nacionalista.
Cómpre lembrar que o BNG defendeu neste mandato municipal tres iniciativas que trasladou ao Pleno para a modificación da Lei Hipotecaria, precisamente, para evitar despexos como este de Aríns, que tivo repercusión pública, e tantos outros que se producen en Santiago de Compostela.