O BNG traslada ao Pleno as demandas de transporte público no Son, Aradas, Lamascal e Vrins
O Goberno local do PP reduciu as liñas e frecuencias a estes lugares, a pesar de que no programa electoral prometeu aumentar as conexións no rural
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2015.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos defenderá no Pleno deste venres unha iniciativa para que o Concello de Santiago se comprometa a prestar un servizo de transporte público de calidade que ofreza solución ás necesidades e demandas máis reiteradas da veciñanza. En concreto, require o aumento das frecuencias da liña 1 coa prolongación até o Son, a prolongación do transporte urbano de Aradas até Lamascal con retorno por Vrins e a mellora do servizo na avenida da Liberdade e a recuperación de paradas na marquesiña de Volta do Castro.
O BNG considera que o transporte público colectivo ten que servir para favorecer a vertebración territorial dos núcleos, que en Santiago superan os 250, ademais de supor a alternativa máis ecolóxica, económica e solidaria. Consideramos que dende o Concello e demais institucións se debe impulsar o uso do transporte público colectivo e favorecer a súa utilización, explicou Elvira Cienfuegos.
Ademais, indicou que no programa co que o PP se presentou ás eleccións municipais de 2011 se reflectía a promesa de aumentar as liñas e as frecuencias, en troques, algunhas delas foron reducidas.
A concelleira lembrou tamén que a veciñanza da Gracia segue esperando a que se restaure o servizo que daba solución ao Son de Abaixo e arredores e dende Volta do Castro e a Choupana tamén trasladan queixas porque as liñas non fan as paradas previstas. Por outra parte, a liña de transporte urbano que pasa por Aradas beneficiaría máis veciños e veciñas de prolongarse até Lamascal para retornar por Vrins, cun horario e frecuencia acaídos ás necesidades.
Todas estas son reivindicacións que vén facendo o BNG dende hai tempo, tanto nos plenos como nas reunións de Tussa, ás que o grupo de goberno responde coa promesa de estudar e procurar solución, o que até o momento non se produciu, explicou a concelleira do BNG.