Rubén Cela: Vimos defender dereitos do pobo galego como a liberdade de expresión"
O portavoz do grupo municipal do BNG en Compostela presentou na Subdelegación do Goberno español en Galiza, xunto a dous dirixentes da CIG tamén sancionados, as alegacións contra o proceso sancionador aberto a raíz da mobilización pacífica pola visita de Merkel a Galiza.
A Coruña, 23 de xaneiro de 2015- O portavoz do BNG en Santiago de Compostela, Rubén Cela, entregou esta mañá na Subdelegación do Goberno as alegacións contra o proceso sancionador aberto a raíz da mobilización pacífica pola visita de Merkel a Galiza. Fíxoo acompañado dos representantes da CIG e militantes do Bloque Paulo Carril e Xavier Aboi, tamén sancionados, e do secretario nacional de Organización do BNG, Bieito Lobeira. En declaracións aos medios antes de rexistrar o escrito de alegacións, o nacionalista puxo de manifesto que non nos arrepentimos de ter participado na protesta pacífica contra as políticas da troika impulsadas por Merkel e aplicadas ao ditado por Rajoy e Feijóo e volveremos participar as veces que faga falta, por iso vimos á Subdelegación do Goberno a defendermos os dereitos inalienábeis e básicos do conxunto do pobo galego, como son a liberdade de expresión, de reunión e de manifestación.
O portavoz do BNG en Santiago de Compostela advertiu de que o trasfondo das sancións non é o intento de amedrentar o BNG nin a CIG, senón o conxunto do pobo galego, para tratar de que non se manifeste nas rúas. Sufrimos un poder que pretende seguir roubando e que quere seguir lexislando contra a maioría da sociedade e que a sociedade galega fique calada e quieta nas súas casas, engadiu. Ademais, Rubén Cela acusou o PP de pretender retrotraernos ao 1959, á época da Lei de Orde Pública do franquismo, coa Lei Mordaza e con este tipo de sancións só co fin de impedir que a xente se mobilice nun momento en que é preciso dar a batalla na rúa.
Rubén Cela lembrou que meses despois da protesta pacífica e simbólica do 25 de agosto de 2014, que se viu alterada por unha actuación policial desmedida e inxustificada, un grupo de participantes, todos eles militantes do Bloque Paulo Carballada, Alfonso Losada, Paulo Carril, Xavier Aboi e o propio Rubén Cela- recibiron notificacións de sancións ou de imputacións pola vía penal en base a un atestado policial totalmente inverosímil. Precisamente, coas alegacións presentadas na mañá de hoxe, Cela, Carril e Aboi tratarán de desmontar un atestado que non se corresponde coa realidade e que converte os agredidos en agresores.