O BNG reclámalle ao Goberno local que vele polo mantemento da Rocha Forte
De nada serve investir 1 millón de euros se logo o equipo de Agustín Hernández non se preocupa da conservación deste xacemento, afirma Rafael Vilar
Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2014.- O concelleiro do BNG Rafael Vilar demándalle ao equipo de Agustín Hernández que vele polo mantemento e pola conservación da Rocha Forte, toda vez que se investiu 1 millón de euros e na actualidade presenta un descoidado estado debido ao crecemento da vexetación, tanto na zona escavada como na súa contorna, o que dificulta a visión global desta actuación arqueolóxica.
Para o BNG, que o Goberno local promova as visitas guiadas a este emprazamento sen prestar uns mínimos coidados básicos consistentes na roza da vexetación dun xeito periódico é proba do continuísmo no seu xeito de actuar, cunha despreocupación que delata un escaso interese polo coidado do patrimonio e polo resultado da percepción das persoas que se achegan a coñecer este legado histórico.
Cómpre un plan para a eliminación da maleza no Castelo da Rocha, reclamou Rafael Vilar, porque de nada serve investir 1 millón de euros se logo o Goberno local non se preocupa da súa conservación.
O BNG trasladara ao Pleno de marzo unha iniciativa para a realización de visitas guiadas ao Castelo da Rocha, para a edición de material divulgativo complementario á web e tamén para a súa adecuada sinalización. Na actualidade, son inexistentes as indicacións sinaléticas para chegar dende o centro da cidade a este emprazamento e resultan insuficientes tamén no propio acceso, posto que os paneis de sinalización aínda non se instalaron e, polo tanto, non se contribúe a difundir esta fortaleza medieval de características únicas en Galiza.
O concelleiro do BNG insistiu, ademais, en que a Rocha Forte está nunha fase inicial da intervención, para a que é necesario buscar novas fontes de financiamento para proseguir coa recuperación e valorización deste conxunto patrimonial único en Galiza. Lembrou, así mesmo, que esta partida de 1 millón de euros, coa que se executaron as obras, fora xestionada polo BNG na Comisión de Orzamentos do Congreso.