O BNG reclamará no Pleno que o Concello se posicione en contra do TTIP
Apoiamos estas concentracións ás que Santiago se sumará con unha na praza das Praterías ao mediodía
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego demandará, a través dunha iniciativa no Pleno municipal de outubro, que o Concello se posicione en contra da aplicación do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP).
O portavoz municipal, Rubén Cela, sinalou que con este acordo as leis do comercio priman sobre calquera outra consideración social e ignoran calquera lexislación, continental, estatal, nacional, rexional ou local. As comunidades locais atópanse dominadas por axustes estruturais restritivos debidos aos acordos e ás políticas de libre comercio e de protección do investidor. Esta lóxica desmantela os servizos públicos e suprime a liberdade dos poderes locais para fornecer estes servizos e satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, atendendo a políticas e plans de desenvolvemento industrial e de fomento da industria e emprego locais. Ao mesmo tempo, promove instrumentos non democráticos que garanten os beneficios económicos das empresas transnacionais, o que supón unha cesión da soberanía aos poderes económicos.
Este sábado celébrase o Día de Acción Europeo contra o TTIP con manifestacións e concentracións en 31 cidades do Estado Español e 300 europeas contra os perigosos acordos comerciais da Unión Europea. Apoiamos estas concentracións ás que Santiago se sumará con unha na praza das Praterías ao mediodía, indicou.
Ademais, o BNG no Pleno municipal de outubro a través dunha moción solicitará que se declare a este Concello como municipio libre do TTIP, instar ao Ministerio de Economía que faga pública toda a documentación en relación ao tratado e a suspensión das negociacións deste tratado, concluíu Rubén Cela.