O BNG solicítalle ao Goberno unha solución definitiva para a veciñanza do Banco do Pobre
Instamos ao Goberno municipal para que se modifique no Plan Xeral a catalogación de expropiábeis
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2014.- O grupo municipal do BNG solicítalle ao Goberno municipal unha solución definitiva para as vivendas de San Ignacio de Loyola, coñecidas como do Banco do Pobre.
A estes veciños e veciñas pedíuselles no seu día un esforzo moi importante como é renunciar ás súas vivendas habituais en aras dun ben común que era a construción dunha nova Facultade de Medicina, unha dotación importante para a Universidade de Santiago, da cidade e do país, explicou Rubén Cela. O BNG, logo do anuncio da renuncia ao proxecto inicial tanto da Universidade como do Concello, demanda que o Goberno municipal se poña a disposición das familias para deixalos libres desta carga canto antes.
O BNG formuloulle dúas preguntas ao grupo de Goberno do PP, en xaneiro de 2012 e en abril de 2013, con respostas insatisfactorias, e en maio do ano pasado o BNG demandou de novo, cunha iniciativa no Pleno municipal, unha solución para a veciñanza de San Ignacio de Loyola.
Nin poden acometer obras de reforma nunhas vivendas que son antigas, nin se lles confirma e se lles da unha data para a expropiación, e así, sen unha solución definitiva, levan anos, afirmou o portavoz nacionalista, polo que instamos ao Goberno municipal para que adopte canto antes unha decisión, e, se é o caso, modifique no Plan Xeral esa catalogación de expropiábel para poder reformar os edificios, tal como solicitaron os veciños e veciñas do Banco do Pobre, concluíu.