As ordenanzas fiscais non entran no máis importante, que consiste en axudar a quen ten dificultades
O BNG bota en falta novas bonificacións para atender as necesidades das 7.000 persoas desempregadas e con pensións mínimas
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago cualificou o anuncio da rebaixa fiscal para 2015 de electoralista e de estar baseado nunha das grandes mentiras deste mandato. Non era certo que o Concello estivese en bancarrota á chegada do PP e non é certo que uns meses despois sexa todo unha marabilla, explicou Rubén Cela.
Esa será a mensaxe que trasladará o BNG ao Pleno extraordinario do vindeiro martes. Así, sinalou que está de acordo tanto con algunha das rebaixas fiscais presentadas, que foran reclamadas con anterioridade pola formación nacionalista, como co novo calendario de pago fraccionado. Mais Rubén Cela indicou que a proposta do PP non entra no máis urxente nin importante, que consiste en axudar a quen peor o está a pasar economicamente, nin en introducir variábeis de equidade con bonificacións sociais nos segmentos máis desprotexidos.
O BNG bota en falta novas bonificacións para atender as necesidades das 22.000 persoas en risco de exclusión social, as 4.000 en pobreza extrema e as 7.000 desempregadas. Rubén Cela concretou a proposta de bonificacións dos impostos para unidades familiares por baixo do salario mínimo interprofesional, parados e paradas de longa duración, pensións mínimas ou actuacións que favorezan o aforro enerxético, entre outras.
Cómpre tamén afondar nas facilidades de pagamento, onde por fin aceptaron evitar que coincidan no calendario o imposto de vehículos, IRPF e contribución como aconteceu o ano pasado; para abrir a posibilidade de fraccionamento en 12 pagos mensuais e coa bonificación por domicialización, engadiu.
Outra medida que defende o BNG consiste en gravar máis as vivendas baleiras, pois non é lóxico que se pague o mesmo IBI por unha terceira ou cuarta vivenda que pola habitual, co fin de que pague máis quen máis ten e de dinamizar o mercado de alugueiro para lle dar uso ás máis de 8.000 baleiras que o Goberno municipal ten cifrado na nosa cidade.