Elvira Cienfuegos advirte que o PP deu ao traste os consellos sectoriais de participación cidadá
Reclamará no Pleno a súa activación para fomentar a participación cidadá e contribuír á dinamización do tecido asociativo e á vertebración social
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2014.- A concelleira Elvira Cienfuegos presentou unha iniciativa que defenderá no vindeiro Pleno destinada a constituír e activar os consellos sectoriais de participación cidadá, que deu ao traste o PP dende a súa chegada ao Goberno municipal, a pesar de que o seu funcionamento está recollido na normativa internacional, estatal, galega e local como parte inseparábel da sociedade democrática, ademais de ser peza clave para a correcta resolución de múltiples problemas municipais.
O Concello de Santiago conta dende o ano 1999 cun regulamento de participación cidadá que recoñece o dereito das persoas a intervir e participar, como parte inseparable da sociedade democrática; recoñece o papel das entidades, como expresións organizadas da cidadanía e elementos coordinadores e vertebradores da colectividade e atribúe ao Goberno a responsabilidade de fomentar a participación social. Así, lembrou que as intervencións no Pleno por parte da cidadanía durante este mandato, como as persoas afectadas polas preferentes ou polo convenio de Galeras, foron posíbeis grazas á proposta e ao empeño que puxo o BNG.
Deste regulamento de participación emanou, en primeiro lugar, a creación dun Consello Económico e social e dun consello de Relacións Veciñais. Posteriormente, e moitos deles promovidos polo BNG na súa etapa de Goberno, creáronse consellos para distintos ámbitos até conformar un conxunto de 14 consellos de participación, como o Consello de Medio Ambiente, de Turismo, de Educación, de Persoas maiores, de Migración, de Centros socioculturais, de Cultura
Relacións Veciñais e Servizos Sociais, constituídos e sen operatividade
Pero a chegada do PP ao Goberno municipal deu ao traste cos consellos de participación, explicou. Constituíse o de Relacións Veciñais, que se reuniu en varias ocasións e mesmo se elixiron novos/as representantes, aínda que despois desa elección non houbo máis reunións que a de constitución cos novos membros, que tivo lugar en marzo deste ano; dende entón pasaron máis dos 6 meses de cadencia máxima prevista e non houbo convocatorias.
O de Servizos Sociais cambiou de nome, de composición e de regulamento, indicou. O PP, que desde a oposición tivera moito interese en constituír un consello exclusivo de persoas maiores, na súa etapa de goberno disolveuno para volvelo incluír no de Servizos Sociais, que pasou a chamarse de Familia, Benestar Social e Igualdade. Aínda que o seu regulamento se publicou no BOP do 13 de marzo de 2012 e 16 meses despois foi convocado para a súa constitución, non se volveu reunir desde entón.
Sen constituír neste mandato: Medio Ambiente, Deportes, Mocidade, Cultura, Normalización Lingüística, Centros Socioculturais, Saúde...
Segundo explicou Elvira Cienfuegos, neste mandato do PP non chegaron a constituírse ningún dos outros consellos previstos na normativa municipal: Medio Ambiente, Deportes, Mocidade, Cultura, Normalización Lingüística, Centros Socioculturais... Non é que faltasen razóns, por exemplo, para constituír o de Saúde, nuns anos no que a sanidade pública é preocupación xeralizada da poboación, ou para constituír o Consello Municipal de Educación, indicou.
Outro inexistente: o Consello Escolar Municipal
No que vai de mandato popular, pese a que a norma estabelece polo menos unha reunión a principio e outra a final de cada curso, o Consello Escolar Municipal que ten de vixencia a duración da Corporación municipal, aínda non se constituíu, sinalou. Recordou que o BNG levou ao Pleno municipal en xullo do 2013 unha iniciativa para que se promovera a súa constitución e dinamización e o curso 2014-2015, último neste mandato, xa empezou sen que exista o Consello Municipal de Educación.
A normalidade democrática implica vías de participación e respecto ás normativas, tanto noutras como nesta materia, afirmou a concelleira nacionalista. O Concello de Santiago ten en vigor a normativa de distintos consellos sectoriais, órganos de participación, debate e consulta que o Goberno municipal debe constituír e activar para que cumpran a súa función de canalizar a participación da cidadanía e contribuír á dinamización do tecido asociativo e, consecuentemente, á vertebración social.