O BNG bota en falta nos Orzamentos da Xunta unha partida para o centro de saúde de Conxo
Son continuístas e non compensan os recortes en Educación e en Sanidade sufridos nos últimos anos
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2014.- A concelleira Elvira Cienfuegos, a preguntas de xornalistas, realizou unha primeira valoración dos Orzamentos da Xunta para Santiago de Compostela en 2015 e destacou que son continuístas e aínda que os aspectos sociais representen o 80% indican que os recortes sufridos en Educación e en Sanidade non se van compensar co persoal reducido en anos anteriores.
En relación cos investimentos na cidade non hai moitas sorpresas, afirmou, pois case todo estaba anunciado. Así, incidiu en que o BNG bota en falta que non se avance no centro de saúde Conxo, na Escola Oficial de Idiomas, na vivenda de protección e no financiamento para a rehabilitación de vivendas, entre outros.
A deputada parlamentar Ana Pontón e o portavoz municipal Rubén Cela realizarán o mércores 22 de outubro unha valoración máis exhaustiva das partidas destinadas a Santiago de Compostela nos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2015.